Inicio Galicia Ángeles Vázquez salienta que a nova Lei de ordenación do territorio é...

Ángeles Vázquez salienta que a nova Lei de ordenación do territorio é a garantía de igualdade e coherencia no uso e protección do solo para todos os galegos

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que hai dous principios inspiradores: a necesidade de dispor dun texto normativo máis sinxelo e actualizado; e máis simple e eficiente, tanto no número de figuras que dispón como nos seus procedementos administrativos


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendeu esta mañá que a nova Lei de ordenación do territorio é unha garantía para que todos os galegos usen e protexan o solo en condicións de igualdade e garantía. Avanzou que para asegurar dita igualdade a nivel autonómico é preciso dispoñer dun instrumento de carácter supramunicipal que garanta esas oportunidades e que permita corrixir os posibles desequilibrios que se poidan derivar da variedade que presenta o territorio galego.

Na actualidade, Galicia conta cunha lei aprobada hai un cuarto de século; polo que é un texto que está desactualizado e que debe ser modificado a fin de adecuar o seu contido ás diferentes esixencias, principalmente ás de índole ambiental.

Tal e como explicou a conselleira, o obxectivo básico e esencial é actualizar e facer máis sinxelo o corpo normativo urbanístico de Galicia; ao tempo que se simplifica administrativamente a norma. Nese sentido, recordou que o texto elaborado polo Goberno galego simplifica o número de instrumentos de ordenación do territorio, establecendo Directrices de Ordenación do Territorio, Plans territoriais (diferenciando entre os integrados e os especiais, en función sa súa maior ou menor escala e ámbito de afección ambiental), Plans sectoriais e os Proxectos de Interese Autonómico.

Vázquez Mejuto explicou que outra novidade importante é a figura de ordenación dos Plans Sectoriais, cuxo ámbito de aplicación se amplía para que sexa, como norma, a toda a comunidade autónoma. O principal obxectivo disto é acadar unha mellor ordenación das actividades que se poden implantar a través desta figura, polo que o Plan Sectorial será o instrumento que ordenará para toda a Comunidade. Isto quere dicir, que só poderán ser promovidos pola iniciativa pública, non cabe a posibilidade de realizar un plan sectorial de iniciativa privada, tal e como regula a Lei de Ordenación do Territorio vixente a día de hoxe, pois defendeu que a planificación a nivel autonómico deste tipo de actividades só ten sentido si se realiza desde a perspectiva da administración.

Outra das novidades é fixar un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación, que se someterán a avaliación ambiental estratéxica ordinaria ou simplificada.

A conselleira defendeu a aposta realizada polo Goberno dende máis dunha década; que permitiu poñer a disposición dos concellos, dos sectores económicos e da cidadanía en xeral máis dunha decena de leis, instrumentos e ferramentas para acadar o equilibrio entre o crecemento urbanístico e o económico; entre o desenvolvemento territorial e a posta en valor do verde e azul de Galicia.

Non obstante, Galicia está moi preto de contar cunha norma que corrixe os posibles desequilibrios da Comunidade, que garante a accesibilidade de toda a poboación ás infraestruturas e servizos, que mellora as relacións entre o medio urbano e o medio rural e que potencia o desenvolvemento económico sostible. En definitiva, -engadiu- Galicia acadará unha lei que é compatible e propicia a conservación da paisaxe e do patrimonio cultural de Galicia; pois protexer é valorar, coidar e, conservar; sobre todo dun ben limitado e esgotable, como é solo, un recurso natural non renovable, defendeu a conselleira.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre