Inicio Galicia Ángeles Vázquez salienta que a futura Lei de ordenación do territorio completará...

Ángeles Vázquez salienta que a futura Lei de ordenación do territorio completará o camiño iniciado coa Lei do solo para simplificar e axilizar a normativa urbanística de Galicia

0
image_gallery.jpg

Durante o debate de totalidade do texto lexislativo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subliña que os tres grandes obxectivos da futura norma son achegarse ao obxectivo de ningún concello sen PXOM, facilitar o desenvolvemento ordenado do medio natural e garantir a protección da paisaxe


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defendeu esta mañá que a futura Lei de Ordenación do Territorio (LOT) está chamada a garantir a cohesión social e mellorar a calidade de vida dos galegos, completando así o camiño que iniciou en 2016 a Lei do Solo e despois o seu regulamento para dotar a Galicia dunha normativa urbanística máis simple, áxil e eficaz.

Así o subliñou a conselleira durante o debate de totalidade da lei, que retomou hoxe a súa tramitación parlamentaria despois de que o pasado mes de xaneiro a convocatoria de eleccións na Comunidade galega a deixara en suspenso.

Co fin de completar o actual marco normativo en materia de urbanismo e actualizar unha norma con 25 anos de vixencia, Vázquez Mejuto subliñou que os tres grandes obxectivos aos que a Xunta quere responder coa nova LOT son lograr que ningún concello galego estea sen plan xeral, facilitar o desenvolvemento ordenado do medio natural e garantir a protección da paisaxe.

A consideración da paisaxe como peza fundamental da ordenación do territorio, explicou a conselleira, é unha das melloras que se quere introducir a través desta lei, co fin de adecuar a normativa ás novas esixencias e criterios de aplicación neste eido, principalmente aqueles de índole ambiental. “O territorio é o noso ben máis prezado, o soporte no que desenvolvemos todas as nosas actividades”, argumentou a conselleira, para defender que Galicia necesita un texto que o defenda, protexa e poña en valor “coas máximas garantías”.

Tal e como explicou Vázquez Mejuto, o obxectivo básico é actualizar e facer máis eficaz o marco normativo urbanístico de Galicia, ao tempo que se simplifica administrativamente a súa aplicación. Nese sentido, recordou que o texto elaborado polo Goberno galego reduce a catro o número de instrumentos de ordenación do territorio: Directrices de Ordenación do Territorio; Plans territoriais (diferenciando entre integrados e especiais, en función sa súa maior ou menor escala e ámbito de afección ambiental); Plans Sectoriais; e Proxectos de Interese Autonómico.

A principal novidade a este respecto é a creación dos Proxectos de Interese Autonómico como único instrumento de intervención directa no territorio, e que substitúe aos actuais Proxectos Sectoriais de Incidencia Supramunicipal. A súa función será a de planificar e executar actuacións concretas no territorio que transcendan o ámbito do municipio polo seu impacto territorial, económico e sociocultural, como pode ser a implantación de dotacións urbanísticas, a creación de solo destinado a vivenda protexida ou a actividades económicas.

Ademais, poderán ser de iniciativa pública ou privada e desenvolverán plans sectoriais xa vixentes ou, pola contra, ser autónomos. Como novidade, a súa declaración de impacto ambiental caducará aos tres anos.

Vázquez Mejuto explicou que tamén se introducen novidades na figura de ordenación dos Plans Sectoriais, cuxo ámbito de aplicación se amplía para que sexa, como norma, toda a comunidade autónoma.

O principal obxectivo dos cambios introducidos é acadar unha mellor ordenación das actividades sectoriais que se poden implantar no territorio a través desta figura, como poden ser a xestión de residuos, as vivendas protexidas ou os equipamentos supramunicipais. Ademais, os Plans Sectoriais só poderán ser promovidos por iniciativa pública, a diferencia do que di a actual lei, xa que, como defendeu a conselleira, a planificación a nivel Galicia deste tipo de actividades só ten sentido desde a perspectiva da Administración.

Máis axilidade administrativaOutra das novidades é que se fixa un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación co fin de axilizar a tramitación administrativa e evitar duplicidades. Deste xeito, someteranse a avaliación ambiental estratéxica, ordinaria ou simplificada, integrando o procedemento ambiental no de tramitación do propio instrumento.

Así mesmo, tamén crea o Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, co que se garante unha maior seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade. Así, neste rexistro deberán inscribirse todos os instrumentos de ordenación do territorio antes da súa entrada en vigor, unha garantía de que se trata da súa versión definitiva e de que, tanto administracións como cidadanía, poderán acceder ao seu contido.

Por último, a conselleira lembrou que a futura Lei de Ordenación do Territorio enmárcase dentro da aposta realizada polo Goberno dende hai máis dunha década para poñer a disposición de todos os galegos máis dunha decena de leis, instrumentos e ferramentas para acadar o equilibrio entre o crecemento urbanístico e o económico; entre o desenvolvemento territorial e a posta en valor da Galicia verde e azul.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre