Inicio Galicia Ángeles Vázquez invita aos veciños das ARI de Santiago a dispoñer dos...

Ángeles Vázquez invita aos veciños das ARI de Santiago a dispoñer dos máis de 330.000 euros en axudas para a rehabilitación dos inmobles e vivendas

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá a Área de Pontepedriña, que xunto coa de Casco Histórico e de Vite, veñen de recibir fondos da convocatoria de 2020 deste programa de rehabilitación

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que os veciños de tres das catro Áreas de Rehabilitación Integral de Santiago dispoñen dun orzamento de máis de 330.000 euros en axudas á rehabilitación dos seus inmobles ou vivendas. A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá á ARI de Pontepedriña, un dos ámbitos que se beneficiou no reparto de axudas da convocatoria do ano 2020, xunto coas ARI do Casco Histórico e do Barrio de Vite.

Explicou que é o Concello quen debe convocar as axudas, despois de que a administración local, Xunta e Estado asinaran un convenio de colaboración, co que se formaliza a entrega dos fondos concedidos na actual convocatoria e que se suman ao orzamento de 2,4 millóns de euros, dispoñible de convocatorias anteriores; polo que a estas tres áreas se destinan case 2,8 millóns de euros.

A conselleira recordou que Santiago conta cunha cuarta área declarada -a do Barrio de Viste Alegre- polo que no conxunto de convocatorias e das catro ARI Santiago ten recibido do Ministerio e da Xunta fondos por un importe total de 18,42 millóns de euros.

As actuacións que poden subvencionar ao abeiro do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de Vivenda 2018-2021 son as obras de rehabilitación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares; tamén se poderán executar melloras da eficiencia enerxética e sostibilidade nas vivendas e de fomento da conservación, mellora da seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas.

Asemade, os concellos poden sufragar con ditos fondos públicos obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos e os gastos de mantemento de equipos técnicos e oficinas de información e xestión municipais.

Recordou que dende a declaración das ARIs de Compostela realizáronse 1.145 actuacións que beneficiaron a 1.785 vivendas, pois algunhas das actuacións se realizaron sobre elementos comúns do edificio, como pode ser a instalacións de ascensores, actuacións sobre fachadas, tellados, etc, polo que unha única actuación beneficia a varias vivendas.17 millóns de euros en execuciónA conselleira de Medio Ambiente recordou que xunto co Concello de Santiago, outras 16 administracións locais resultaron beneficiarias dos fondos da convocatoria de 2020, polo que dispoñen de 2,6 millóns de euros para distribuír entre os seus veciños. Un orzamento que se eleva a 17,4 millóns de euros tendo en conta os fondos doutras convocatorias anteriores, o que lles permitirá levar a cabo máis de 2.900 actuacións.

Por outra banda, tendo en conta as convocatorias desde 2015 do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, un total de 41 concellos galegos se beneficiaron en algún momento de axudas ao abeiro deste programa; polo que se teñen mobilizado investimentos por un importe de 44.336.450,33 euros.

Por último, lembrou que onte mesmo o Consello da Xunta foi informado da declaración dunha nova área de rehabilitación en Galicia, a ARI de O Buriz e Os Vilares, a primeira que se declara no Concello de Guitiriz; polo que Galicia conta na actualidade con 71 áreas de rehabilitación declaradas en 42 concellos, xunto coas tres supramunicipais -xestionadas directamente polo IGVS- como son a ARI dos Camiños de Santiago, a ARI das Illas Atlánticas e a ARI da Ribeira Sacra.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre