Inicio Galicia Ángeles Vázquez insta ao Estado a reunirse coa Xunta e co tecido...

Ángeles Vázquez insta ao Estado a reunirse coa Xunta e co tecido empresarial e social galego para aclarar as consecuencias da reforma do regulamento da Lei de Costas

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lembra que sete meses despois de iniciar a tramitación “pola porta de atrás” deste cambio normativo, o Goberno de Pedro Sánchez segue sen dar explicacións a pesar da gran inquedanza xerada entre sectores clave para Galicia, como o marítimo-pesqueiro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, emprazou esta tarde ao Estado desde o Parlamento a reunirse “de inmediato” coas entidades, empresas e administracións públicas galegas que poderían verse afectadas pola reforma do regulamento da Lei de Costas que empezou a tramitar o Executivo a pasada primavera.

A titular galega de Medio Ambiente explicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica iniciou unha modificación do regulamento que contravén o previsto nunha norma con rango de lei -a Lei 2/2013, do 29 de maio, para as concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre (DPMT)-, así como as concesións para o seu outorgamento), ao pretender que o prazo concesional extraordinario establecido en 75 anos deberá contabilizarse desde a data inicial da concesión, e non desde o ano no que foi tramitada a renovación da mesma.

Ademais, tamén se referiu á nova regulación coa que o Goberno do Estado pretende condicionar a decisión de prorrogar ou non as concesións xa existentes porque, ao seu entender, introduce criterios abertos, subxectivos e indeterminados que farán que a prórroga dependa “da vontade” do propio Executivo central en cada caso.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Ángeles Vázquez explicou que tan pronto como coñeceu os plans do Goberno respecto do regulamento de Costas, a Xunta foi a primeira administración do país en dar a voz de alarma sobre as graves consecuencias que terían estes cambios para miles de equipamentos públicos, empresas e actividades que agora mesmo se desenvolven e dependen directamente da súa ligazón co DPMT.

Particularmente, referiuse ás máis de 100 empresas galegas da cadea mar-industria, entre conserveiras, instalacións de acuicultura, depuradoras e cocedoiros de moluscos, e aos seus centos de traballadores, que poden quedar nunha situación de inseguridade xurídica se esta modificación segue adiante, xa que só cabería prorrogar instalacións cuxa actividade deba levarse a cabo necesariamente no dominio público.

Pero a transcendencia da reforma iniciada polo Executivo central, engadiu a conselleira, é aínda maior. Segundo dixo, as implicacións destes cambios afectarían tamén a colexios, centros de saúde e outros edificios públicos localizados en primeira liña litoral, e mesmo tamén podería chegar a ter implicacións sobre os períodos máximos de concesión dos parques de cultivo e das bateas. En total, estimou a conselleira, cerca de 5.000 edificacións afectadas en 80 concellos costeiros.

Ante o alcance da medida para Galicia e o resto de comunidades con costa e a situación de “inseguridade xurídica” que xeraría en sectores económicos clave para a comunidade, Ángeles Vázquez subliñou que a Xunta actuou con rapidez e contundencia.

No mes de abril, o Executivo galego a alegou contra a modificación normativa nun “tempo récord” xa que, tal e como lembrou, o Goberno fixo unha “tramitación exprés” e “pola porta de atrás” da reforma, deixando tan só un prazo de sete días para presentar alegacións e abrindo un período de información pública de apenas 10 días aducindo “razóns de urxencia”; e a continuación, as Consellerías de Medio Ambiente e do Mar iniciaron tamén unha rolda de contactos para informar aos principais afectados, comezando pola Fegamp.

Así mesmo, a conselleira resaltou que a Xunta solicitou por escrito dúas reunións ao Goberno para aclarar canto antes as consecuencias da modificación para Galicia, primeiro co secretario de Estado de Medio Ambiente e en segunda instancia coa ministra de Transición Ecolóxica. “Pero pasaron sete meses desde a solicitude e seguimos sen ter resposta”, lamentou Ángeles Vázquez, quen aproveitou a súa intervención no Parlamento para reiterar a necesidade de convocar un encontro co tecido empresarial e social galego así como coas administracións afectadas para que poidan recibir “de primeira man” toda a información que manexa ao respecto o Estado.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre