Inicio Galicia Ángeles Vázquez define a seguridade alimentaria como ?un esforzo compartido? entre a...

Ángeles Vázquez define a seguridade alimentaria como ?un esforzo compartido? entre a administración e o sector

0

A conselleira do Medio Rural sinalou que a xestión eficaz dunha crise neste eido comeza coa súa previa preparación e planificación, así como coa aprendizaxe da súa correcta tramitación

A seguridade alimentaria é “un esforzo compartido” entre administracións públicas e operadores do sector e “a xestión eficaz dunha crise neste ámbito comeza coa súa previa preparación e planificación, así como coa aprendizaxe da súa correcta tramitación”. Así o indicou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na inauguración da xornada de Xestión de Crisis Alimentarias que organiza o Clúster Alimentario de Galicia e que se desenvolve hoxe en Santiago de Compostela.

Neste mesmo sentido, a titular de Medio Rural sinalou que dende o punto de vista das administracións públicas é fundamental contar con sistemas rápidos e eficaces de intercambio de información, así como dispor de protocolos de actuación fronte unha alerta alimentaria. Trátase, tamén, de actuar con dilixencia na detección dos produtos afectados, tomando inmediatamente as decisións oportunas sobre eles, sen esquecer a necesidade de xestionar axeitadamente a crise en relación coa información aos medios de comunicación e aos consumidores.

A conselleira matizou que a adecuada xestión destas circunstancias non atinxe unicamente aos poderes públicos; “tamén as organizacións de produtores e as industrias agroalimentarias e da distribución deben contar con procedementos de xestión de crises”, dixo. E así, engadiu, é preciso que dispoñan de protocolos para paralizar a súa distribución en caso de risco para a saúde, para retirar de xeito efectivo os produtos que xa chegaron ao mercado e ademais, co fin de minimizar os danos, para informar axeitadamente aos distribuidores, clientes, autoridades e consumidores do problema xurdido e das medidas adoptadas.

Control oficialÁngeles Vázquez lembrou que á Conselleria do Medio Rural lle corresponde o control oficial no ámbito da produción primaria e da calidade alimentaria, e como tal realiza un labor de rexistro e autorización de operadores, establecementos e actividades, incluída a toma de mostras. Pero remarcou que, pola súa banda, os operadores levan a cabo as análises de perigos coa identificación dos puntos críticos de control e establecendo os límites de aceptabilidade así como a frecuencia e intensidade dos autocontrois, e manteñen a rastrexabilidade de materias primas e produtos. Un proceso este da rastrexabilidade que salientou como fundamental, porque –advertiu– sen el “non pode haber seguridade alimentaria”.

Por último, a conselleira puxo en valor este traballo conxunto nos ámbitos público e privado, xa que contribúe, dixo, a dotar “á nosa produción agropecuaria duns elevados niveis de seguridade e dunha alta capacidade de resposta no caso de non conformidades, evitando así que estas deriven en verdadeiras crises alimentarias”. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre