Inicio Galicia Ángeles Vázquez comparecerá no Parlamento para aclarar a situación dos accesos a...

Ángeles Vázquez comparecerá no Parlamento para aclarar a situación dos accesos a Ons e esixir responsabilidade política

0

Solicitará intervir en setembro ante as informacións confusas e interesadas que se están a facer este verán e reclama seriedade aos alcaldes de Bueu e Vigo, por utilizar este asunto de forma partidista e actuar só por intereses políticos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comparecerá no Parlamento en setembro a petición propia co fin de aclarar cal é a situación actual dos accesos á illa de Ons por parte dos veciños e resolver calquera posible dúbida que exista ao respecto. A decisión da responsable autonómica prodúcese a raíz das recentes informacións que se están a dar por parte dalgunhas administracións locais e que contribúen a xerar confusión e unha alarma innecesaria entre a veciñanza da zona.

Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente lamenta profundamente a actitude dos alcaldes de Vigo e de Bueu, que nos últimos días asumiron un papel protagonista con relación a este asunto e fixeron manifestacións interesadas e sen fundamento co fin de xerar dúbidas sobre os dereitos dos concesionarios de Ons e as súas familias a moverse libremente pola illa.

Por esta razón, desde o departamento autonómico esíxeselle a ambos rexedores responsabilidade institucional e respecto cara aos veciños de Ons, que están sendo utilizados cunha intencionalidade política evidente.

Por outra banda, a limitación de acceso ás Illas Atlánticas non ten nada que ver coa candidatura; nin sequera é un dos requisitos a valorar por parte da Unesco. Este cupo máximo de entrada para poder visitar os arquipélagos que conforman o Parque Nacional vén motivado polo Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX), un decreto que busca protexer os valores naturais e a biodiversidade deste espazo, facéndoos compatibles con determinados usos públicos e turísticos sostibles.Á hora de cuantificar esa carga máxima, o documento baseouse en informes técnicos que avalan a presión humana que cada un dos arquipélagos pode soportar sen poñer en risco os seus valores. É, polo tanto, unha medida de protección das Illas Atlánticas no seu conxunto, que en ningún caso cuestiona nin pon en perigo os dereitos recoñecidos dos titulares das vivendas existentes e que, ademais, recibiu tamén no seu día o visto e prace do Ministerio para a Transición Ecolóxica, antes da súa aprobación polo Consello da Xunta.

De feito, cómpre lembrar que o PRUX recolle expresamente que “no cómputo das cotas de visitantes que se establecen quedan excluídos os veciños das illas”. Así, co fin de facilitar o acceso libre a Ons a aquelas persoas que, de forma estable ou esporádica, vivan alí ao longo do ano, a Xunta puxo á súa disposición un carné, gratuíto e que se tramita en cuestión de horas, no que se lles recoñece a condición de veciños que garante a súa exclusión do cupo xeral. A día de hoxe expedíronse xa 347 acreditacións deste tipo.

Así mesmo, tamén hai que lembrar que os titulares de concesións en Ons teñen a posibilidade de reservar seis prazas con pernocta vinculadas á súa vivenda. Nestes momentos 18 concesionarios xa realizaron os trámites pertinentes para acollerse a este dereito, polo que a Xunta mantén bloqueadas aínda algunhas prazas dentro do cupo xeral para poder acceder a Ons esta fin de semana, á espera de que os veciños vinculen as súas reservas á compra dun billete.

Festas de San XaquínNeste sentido, e con relación á afluencia de visitantes prevista en Ons para este domingo, día grande da festividade local de San Xaquín, todos os veciños de Bueu que acrediten unha vinculación coa illa poderán entrar e saír libremente da mesma, tal e como lle trasladou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ao alcalde de Bueu, Félix Juncal.

O obxectivo da Xunta, neste sentido, é facilitar o dereito dos veciños a participar e desfrutar das festas patronais, aínda que sempre compatibilizándoo co obxectivo de conservación e protección no que se basea a limitación de acceso fixada no PRUX. Por esta razón, a Consellería de Medio Ambiente solicitou a colaboración do Concello partindo de que, en todo caso, resulta evidente que debe aplicarse algún sistema de verificación para acreditar que o dereito de libre acceso a Ons recae, efectivamente, sobre aquelas persoas que teñen unha vinculación coa mesma.

Neste sentido, a conselleira tamén aproveitará a súa comparecencia ante a Cámara para reclamar por parte de todos os grupos parlamentarios unha postura clara e explícita sobre a necesidade de protexer o único Parque Nacional que hai en Galicia e garantir un axeitado equilibrio entre a conservación do entorno e o seu uso público. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre