Inicio Galicia Ángeles Vázquez avoga por darlle un pulo definitivo ás reservas da biosfera...

Ángeles Vázquez avoga por darlle un pulo definitivo ás reservas da biosfera en Galicia co obxectivo de chegar ao 34% do territorio

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembra que a comunidade xa conta con seis espazos recoñecidos con esta distinción e traballa na candidatura da Ribeira Sacra para remitila ao Goberno este mesmo ano

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avogou esta mañá por impulsar de forma definitiva a actual rede de reservas da biosfera de Galicia para que avance cara a novas metas e obxectivos e anunciou que a Xunta seguirá traballando na súa ampliación ata conseguir que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como a sétima reserva da biosfera galega.

Así, Vázquez Mejuto explicou que o seu departamento está a impulsar a candidatura deste espazo ante a Unesco e lembrou que desde hai uns meses mantén unha rolda de contactos con concellos e outros colectivos da Ribeira Sacra co fin de presentarlles o proxecto e sumar novos apoios a unha proposta que aspira a presentar antes de que remate o ano ante o Comité Español que xestiona o programa.

As Reservas da Biosfera, distintivo outorgado pola Unesco a determinadas áreas terrestres, costeiras ou mariñas senlleiras, son territorios que actúan unidos co obxectivo de harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social a través da relación integral das persoas coa natureza.

En Galicia existen nestes momentos seis reservas da biosfera que representan case o 25% de todo o territorio da comunidade: Terras do Miño (Lugo); Área de Allariz (Ourense); Os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; río Eo, Oscos e Terras do Bourón (Lugo); reserva transfronteiriza do Xurés-Gerês (Ourense); e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Se a candidatura da Ribeira Sacra prospera e supera todos os trámites ante a Unesco, Galicia pasaría a contar con sete reservas da biosfera, que abranguerían en total o 34% do territorio da comunidade autónoma.

Protocolo coa reserva de La PalmaDurante un acto en Oleiros con motivo da sinatura dun protocolo de colaboración entre a Reserva Mundial da Biosfera de La Palma e a das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Ángeles Vázquez subliñou que a aposta decidida da Xunta por potenciar estes espazos e o seu potencial virá acompañada en 2019 por unha nova liña de axudas dotada con 600.000 euros e dirixida a financiar actuacións municipais que poñan en valor as reservas da biosfera. “Queremos potencialas porque son parte fundamental do noso territorio a nivel natural, ambiental e de biodiversidade e supoñen un gran pulmón para Galicia”, incidiu.

Con este mesmo obxectivo, lembrou, a Xunta puxo en marcha no ano 2017 a Rede Galega de Reservas da Biosfera, un órgano de cooperación integrado na actualidade polos seis territorios que contan con este recoñecemento e cuxa función principal consiste en propiciar a colaboración e crear un espazo común no que expoñer experiencias e problemas.

Neste sentido, a conselleira incidiu na necesidade de “fomentar o intercambio, as sinerxías e a eficiencia” na xestión destes espazos naturais, un traballo conxunto para o que, recordou, a Xunta vén de aprobar a creación do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. O pasado luns, precisamente, entrou en vigor o decreto polo que se crea e regula este novo organismo de asesoramento e investigación, que será o encargado de fomentar o traballo en rede das seis áreas galegas que contan hoxe con este recoñecemento internacional.

Por último, Ángeles Vázquez felicitou aos xestores da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo polo protocolo de colaboración subscrito esta mañá coa Reserva Mundial da Biosfera de La Palma, o primeiro territorio insular español en acadar este distintivo, xa no ano 2002.

Así, considerou que a súa ampla experiencia pode servir de “exemplo” e de guía á hora de extrapolar a este territorio da provincia coruñesa parte do traballo realizado na illa, referíndose, concretamente, á creación dunha marca común para diferenciar os produtos de La Palma ou ao desenvolvemento dun programa completo en materia de turismo sostible. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre