Inicio Galicia Ángeles Vázquez avanza na xornada de apertura da tempada do salmón que...

Ángeles Vázquez avanza na xornada de apertura da tempada do salmón que mañá será aprobado o anteproxecto da Lei de pesca

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá o couto de Ximonde, no río Ulla, coincidindo co primeiro día hábil para pescar salmón e reo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que o anteproxecto da nova Lei de Pesca Continental de Galicia elevarase mañá ao Consello da Xunta para sometela á súa aprobación e poder continuar coa tramitación. Durante unha visita ao couto de Ximonde con motivo do inicio da tempada de pesca de salmón e de reo, a responsable autonómica de Medio Ambiente subliñou que con esta normativa virase actualizar e substituír o actual marco lexislativo vixente en Galicia, que foi aprobado hai xa máis de 25 anos.

Tras o seu paso polo Consello, o anteproxecto someterase ao trámite de participación pública, para que todos os interesados presenten as alegacións que consideren oportunas e poidan enriquecer unha norma que nace con vocación de futuro e entorno á cal, incidiu, buscarase o máximo consenso. O obxectivo da Xunta, segundo avanzou a conselleira, é que o texto definitivo se poida remitir antes de que remate o ano ao Parlamento para a súa posterior tramitación e aprobación definitiva.Ángeles Vázquez destacou a transcendencia deste anuncio para o sector xusto nun día tamén moi importante para os pescadores galegos, xa que coincide co inicio oficial da tempada de pesca en augas salmoeiras e nalgunhas cabeceiras de ríos de montaña. Para o salmón, concretamente, a tempada rematará o próximo 31 de xullo ou no momento en que se esgote a cota máxima permitida, mentres que no caso da pesca de reo (outra especie da familia dos salmónidos) a campaña estenderase aínda ata o 30 de setembro.

Ao respecto, a conselleira de Medio Ambiente referiuse á importancia desta especie nun couto “emblemático” como o de Ximonde, situado no río Ulla, o máis salmoeiro de Galicia, e que sirve de límite entre as provincias de A Coruña e Pontevedra. E avogou por seguir a traballar para garantir a permanencia desta especie nas augas fluviais da comunidade.

Neste sentido, lembrou que no ano 1992 a Xunta puxo en marcha os seus primeiros programas de recuperación do salmón en varios ríos galegos, entre eles, o Ulla. Grazas a este esforzo, subliñou, a partir do ano 2000 detectouse xa un incremento notable no retorno de exemplares adultos a este río e sen que se teña chegado a igualar a abundancia de exemplares que había na década dos 80, a conselleira amosouse satisfeita porque “fixemos desaparecer a ameaza da extinción” que parecía cinguirse sobre a especie.

Entre as medidas de recuperación desenvolvidas polo Goberno autonómico nos últimos anos, Ángeles Vázquez referiuse ás melloras para garantir a accesibilidade para peixes migradores mediante dispositivos de franqueo, repoboacións con xuvenís de orixe autóctona e medidas de control da pesca dos salmónidos.

Precisamente, na tempada que deu comezo hoxe establécense as seguintes cotas diarias: un salmón por persoa e día e dous reos por pescador e xornada. En todo caso, o cupo total de capturas de salmóns para toda a tempada 2019 será de 93 exemplares, dos cales 50 corresponden só ao río Ulla.

Por último, a titular de Medio Ambiente referiuse á tempada que agora comeza para amosar o seu desexo de que discorra de forma totalmente satisfactoria para os miles de pescadores que cada ano levan a cabo esta actividade deportiva e lúdica en augas galegas. Nesta liña, tendeulle a man ao colectivo para seguir apoiándoo a través da colaboración coa Federación Galega de Pesca e que os pescadores poidan desenvolver esta práctica nas mellores condicións posibles, fomentando á vez a afección entre os mozos e mozas galegos para garantir o relevo xeracional. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre