Inicio Galicia Ángeles Vázquez aposta pola mobilidade sustentable para acadar contornas máis limpas

Ángeles Vázquez aposta pola mobilidade sustentable para acadar contornas máis limpas

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que o tráfico rodado é unha das principais fontes de contaminación do aire nas cidades, xunto coa actividade do sector doméstico-residencial

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, destacou esta mañá que todos os cidadáns podemos limar certas costumes e hábitos, como por exemplo apostar por unha mobilidade sustentable, para acadar contornas máis limpas e libres de contaminación.

Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita a estación tráfico urbana, instalada en Campolongo no Concello de Pontevedra, onde aclarou que o tráfico rodado é unha das principais fontes de contaminación nas cidades, xunto coa actividade do sector doméstico-residencial, é dicir, a calefacción.

Nese sentido, invitou ao conxunto da sociedade a mudar algunhas das accións diarias da nosa vida cotiá para seguir mellorando a calidade do aire da nosa contorna e evitar a emisión de CO2 a nosa atmosfera. Recordou que a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía é unha ferramenta con medida para acadar este obxectivo e invitou aos concellos a colaborar para implantar iniciativas que camiñen nese sentido, xa que son as administracións que deben reordenar os tráficos.

A modo de exemplo, recordou que o Goberno galego impulsou o chamado transporte á demanda, para avanzar nunha mobilidade máis eficiente nas cidades, reducir os tráficos e que aposte polo fomento do transporte público ou de transportes alternativos, como a bicicleta.

Aclarou que aínda que a calidade do aire en Galicia é boa, sempre hai unha marxe de mellora; tal e como quedou demostrado durante os meses de confinamento. Tendo en conta os datos rexistrados na cidade de Pontevedra, rexistrouse unha diminución do 51% do Dióxido de Nitróxeno (NO2) e do 42% de partículas PM10 no período de de vixencia do estado de alarma, mentres que en setembro se rexistran niveis similares a antes da pandemia, aínda que en ningún caso superan os valores límites permitidos.

Calidade do aire de 2019A conselleira explicou que -segundo dos datos do último informe do que se dispón, o de 2019- o estado global da calidade do aire en Galicia é bo. Esta é a principal conclusión que se recolle no informe elaborado a partir dos datos recollidos pola Rede de Calidade do Aire de Galicia ao longo de 2019.

Vázquez Mejuto aclarou que en ningunha das estacións da Rede se superaron os valores límite para a saúde de dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno e dióxido de nitróxeno, monóxido de carbono e partículas PM10 e PM2.5. Tampouco se excedeu o valor obxectivo de ozono en ningunha das estacións de Galicia, nin en 2019, nin como media nos tres últimos anos.

Por último, recordou que Galicia conta cunha Rede de Control do Aire que se compón de 48 estacións fixas, das cales 33 pertencen ás principais instalacións industriais da nosa comunidade, que polos seus procesos produtivos son susceptibles de afectar á calidade do aire da súa contorna.

As outras 14 pertencen Xunta de Galicia que se encarga do seu mantemento e xestión e están localizadas nas sete aglomeracións de máis de 50.000 habitantes de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo -contan con dúas estacións- mentres que Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense dispoñen dunha única estación. Tamén se dispoñen destes dispositivos en vilas máis pequenas, como Lalín, Xinzo de Limia, Ponteareas ou Laza.

As estacións fixas compleméntanse cunha unidade móbil que se pode desprazar a calquera punto da xeografía galega para complementar ou ben comprobar os datos das estacións fixas e dos modelos ou ben en caso de denuncias, por exemplo.

Deste xeito, desde o ano 2012 os galegos poden saber como será a calidade do aire nas próximas 48 horas, grazas ao sistema de predición da calidade do aire implantado a partir da experiencia en predición meteorolóxica de MeteoGalicia. Este servizo permite afirmar que Galicia foi pioneira en dar un paso máis na protección da poboación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre