Inicio Galicia Ángeles Vázquez anuncia a próxima posta en marcha dos primeiros grupos de...

Ángeles Vázquez anuncia a próxima posta en marcha dos primeiros grupos de traballo da rede de reservas da biosfera de Galicia

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inaugurou hoxe unha xornada promovida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia e centrada no traballo vía ‘online’ entre estes espazos


Os primeiros grupos de traballo vencellados á Rede de Reservas da Biosfera de Galicia constituiranse proximamente, co fin de afondar en temas concretos e de interese común para os seis espazos que contan actualmente en Galicia con esta declaración. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a inauguración dunha xornada telemática organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia baixo o título As Reservas da Biosfera e o traballo en rede online.

Precisamente, a conselleira incidiu durante a súa intervención na importancia de fomentar o traballo coordinado entre as seis reservas da biosfera galegas, aproveitando instrumentos como poden ser os futuros grupos de traballo pero tamén os recursos e as posibilidades que poñen ao seu alcance as novas tecnoloxías.

Neste sentido, Ángeles Vázquez indicou que no actual contexto derivado da Covid-19, o traballo telemático resulta máis fácil e útil que nunca, xa que, por exemplo, elimina as distancias e permite manter o contacto e mellorar a coordinación entre os xestores dos territorios integrados na Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, un instrumento que, lembrou, foi creado pola Xunta no ano 2017 para garantir e canalizar a cooperación entre as seis reservas galegas e fomentar a súa interacción a través de proxectos conxuntos.

Para exemplificar a aposta do Goberno galego nos últimos anos para asentar o papel das reservas da biosfera como un importante reclamo de turismo sostible e peza clave da “saúde ambiental” de Galicia, lembrou que a Consellería de Medio Ambiente convoca desde hai dous anos unha orde de axudas, dotada con 600.000 euros e cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), para financiar actuacións municipais nos concellos que se inscriben dentro da Rede Galega de Reserva da Biosfera.

Entre as iniciativas subvencionables, segundo explicou, figuran a realización de estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nos espazos comprendidos na rede. Deste xeito, búscase poñer en valor estas áreas recoñecidas internacionalmente e, á vez, promover a conservación do patrimonio natural e cultural dunha espazos referentes da Galicia verde.

Unha figura creada en 1974As Reservas da Biosfera xorden no ano 1974 como unha figura de carácter internacional impulsada polo Programa sobre o Home e a Biosfera da Unesco co obxectivo de establecer unha base científica para mellorar a relación das persoas coa súa contorna natural.

Na actualidade, Galicia conta con seis reservas da biosfera, que ocupan aproximadamente o 25% do territorio da comunidade: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (ambas na provincia de Lugo); río Eo, Oscos e Terras do Burón (tamén en Lugo pero compartindo territorio co Principado de Asturias); Área de Allariz (en Ourense); As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña); e Xurés-Gerês (a única reserva da biosfera transfronteiriza entre Galicia e Portugal).

O obxectivo, en todo caso, é ampliar a actual rede coa incorporación da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel. Esta candidatura, como lembrou a conselleira, atópase xa moi avanzada e o obxectivo é lograr que o próximo ano se converta na sétima reserva da biosfera da Comunidade galega, un recoñecemento que se sumaría á declaración do Xeoparque das Montañas do Courel, en abril do ano 2019 –o primeiro deste tipo que hai en Galicia- e que lle daría un pulo importante tamén á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre