Inicio Galicia Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia asinan un protocolo de colaboración...

Andalucía, Castela e León, Estremadura e Galicia asinan un protocolo de colaboración para impulsar a Vía da Prata

0

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, reuniuse en Cáceres cos responsables de Cultura das comunidades polas que pasa este trazado


Galicia colaborará con Andalucía, Castela e León e Estremadura no impulso e divulgación da Vía da Prata, así como na protección, sinalización, promoción e conservación desta ruta ou no desenvolvemento de accións de cara á celebración do Xacobeo 2021. Así se reflectiu na xuntanza que mantivo hoxe en Cáceres o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, cos responsables das áreas de Cultura, Turismo e Patrimonio das comunidades polas que transcorre este itinerario xacobeo, coas que asinou un protocolo de colaboración para traballar en accións sobre este itinerario de xeito conxunto.

Concretamente, o acordo asinado pola conselleira de Cultura y Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo; o conselleiro de Cultura y Turismo da Junta de Castilla y León, Javier Ortega; a conselleira de Cultura, Turismo y Deportes da Junta de Extremadura, Nuria Flores, e o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en funcións, Román Rodríguez, ten por finalidade impulsar este itinerario con accións conxuntas e coordinadas entre as comunidades, que redundarán nunha maior efectividade e permitirán aumentar o número de peregrinos e visitantes que percorrerán a Vía da Prata nas mellores condicións.

Durante o acto, o titular de Cultura e Turismo en funcións da Xunta de Galicia manifestou o seu agradecemento pola hospitalidade do Goberno estremeño e sinalou que neste escenario de incerteza “non podemos loitar solos”. “A cooperación non é importante, senón indispensable. Só traballando xuntos e por encima de cores políticas, territorios ou administracións poderemos superar os grandes retos que temos por diante”, sinalou Román Rodríguez.

O acordo asinado hoxe en Cáceres inclúe medidas que, segundo o titular de Cultura e Turismo en funcións, “permitirán explotar todo o potencial da Vía da Plata” a través dun traballo coordinado en materia de promoción, cultura, sinalización, protección, así como no marco do Xacobeo 2021. “Estamos ante un acordo de colaboración histórico, xa que non existen moitas comunidades que colaboren de xeito tan estreito por un mesmo obxectivo que non podía ser outro que o Camiño de Santiago”, subliñou o conselleiro.

Folla de rutaOs representantes das catro comunidades autónomas coincidiron en que o acordo de colaboración asinado supón “unha folla de ruta” que sente os mecanismos para desenvolver un traballo efectivo e coordinado entre as autonomías polas que pasa a Vía da Prata.

Así, o documento define a constitución dunha Comisión de Cooperación das comunidades autónomas asinantes e a creación dun grupo de traballo para o impulso de accións conxuntas que permitan a potenciación e a protección da ruta. No seno desta Comisión formaranse dous grupos con representantes de cada unha das autonomías que traballarán por un lado na promoción turística e na programación cultural e, por outro, na defensa e protección patrimonial do itinerario histórico.

Ao abeiro deste protocolo tamén se define un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria asociada aos tramos da ruta, así como a mellor integracións paisaxística dos tramos urbanos.

Ademais, ao protocolo establece o apoio ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago nesta ruta, contribuíndo á constitución dunha Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago da Vía da Prata.

Plan Nacional dos CamiñosAdemais de avanzar no programa de traballo iniciado xa en decembro no Encontro de Comunidades Autónomas da Vía da Prata celebrado en Santiago de Compostela, a xuntanza de hoxe en Cáceres tamén serviu para facer fincapé na necesidade de crear un Plan Nacional dos Camiños de Santiago como elemento de impulso global das Rutas Xacobeas e de conexión cos sucesivos anos santos ou de incluír a Galicia e Andalucía na candidatura da Vía da Prata, liderada por Estremadura, a Patrimonio da Humanidade.

Así mesmo, tamén reiteraron a súa solicitude ao Consejo Jacobeo a incorporación de Estremadura e Andalucía, xa que deste órgano só forman parte as comunidades polas que pasan Camiños Patrimonio da Humanidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre