Inicio Galicia Alumnado da provincia de Lugo súmase ao Día Europeo do Deporte Escolar...

Alumnado da provincia de Lugo súmase ao Día Europeo do Deporte Escolar para fomentar a actividade física entre os rapaces

0

Once centros lugueses participan nunha iniciativa que busca implicar a toda a comunidade educativa en 120 minutos de deportes e xogos nesta xornada


Alumnado da provincia de Lugo celebra hoxe con diferentes deportes e xogos o Día Europeo do Deporte Escolar, que busca promover a actividade física e fomentar hábitos de vida saudables.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañou aos nenos e nenas do CEIP Rosalía de Castro de Lugo nalgunhas das actividades organizadas polo centro, entre elas xogos libres, populares e colectivos, ‘Ultimate’, voleibol, carreiras de relevos e unha clase de zumba para toda a escola.

Este é un dos centros que se sumaron a esta xornada enmarcada na campaña ‘BeActive’ da Semana Europea do Deporte, para celebrar este día organizando nos colexios carreiras, xogos, bailes ou calquera outro tipo de actividade física durante un mínimo de 120 minutos.

Na provincia participan o CEIP Paradai e CPR Cervantes (Lugo); CEIP Insua Bermúdez (Vilalba); CPR A Merced (Sarria); CPR O Pilar (Foz); CEIP de Friol; IES Xograr Afonso Gómez e IES Gregorio Fernández de Sarria; CEIP Santa María da Fonsagrada e IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Estes once centros organizan as actividades en coordinación da Secretaría Xeral para o Deporte a través dos Servizos Provinciais.

Convocada a undécima edición do programa XogadeBalseiro lembrou a importancia de estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás e nese sentido lembrou que a Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria da 11ª edición do Programa Xogade de deporte escolar para o curso 2019/2020, que agrupa toda a oferta deportiva e lúdica promovida pola Administración galega (escolar e federada) co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlles aos rapaces a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma. Segundo destacou o delegado, na edición do ano pasado participaron nas diferentes modalidades de Xogade preto de 15.000 cativos e cativas lugueses. Nesta tempada mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos e tamén o transporte, que será sufragado directamente pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Este curso ofértanse dezaseis modalidades escolares coa estrea do piragüismo: atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, natación, orientación, patinaxe artística, piragüismo, tenis de mesa, voleibol, xadrez, Xogando co atletismo e Multixogo 6-8. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre