Inicio Galicia Almuiña salienta que Galicia é pioneira en recoller avances na regulación do...

Almuiña salienta que Galicia é pioneira en recoller avances na regulación do dereito a unha morte digna

0

Galicia conta actualmente con unidades de coidados paliativos nos sete grandes hospitais da rede Sergas e unha unidade no Hospital do Salnés, con máis de 100 camas das que 88 son individuais

Actualmente Galicia conta con sete Unidades de Coidados Paliativos situadas nos hospitais máis grandes da rede do Servizo Galego de Saúde. Son algúns dos datos que destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na interpelación do pleno do Parlamento de Galicia onde salientou que “o Goberno galego chegou ata onde a normativa lle permite desenvolver, sendo unha comunidade autónoma pioneira en recoller avances no eido da dignidade e respecto á autonomía da vontade, regulando o dereito a unha morte digna”.

Dixo tamén o conselleiro, que a día de hoxe en Galicia garántese o respecto a unha atención de calidade ao final da vida e a dignidade das persoas enfermas terminais, ben sexa no seu domicilio, nun centro sanitario ou nun centro sociosanitario, protexendo non só ao enfermo, senón tamén aos seus familiares ou coidadores. Esta protección está recollida na Lei de dereitos e garantía da dignidade das persoas enfermas terminais.

O conselleiro de Sanidade destacou que ademais das sete grandes unidades de coidados paliativos, no Hospital do Salnés abriuse unha unidade de 4 camas integrada na Unidade de Hospitalización. Esta rede galega implica a existencia de 45 equipos e 401 unidades de Atención Primaria (agrupadas en 146 servizos), que atenden pacientes con necesidades de atención paliativa.

En total, as unidades de paliativos e hospitalización a domicilio do Servizo Galego de Saúde contan cunha dotación de 61 profesionais de medicina e 139 profesionais de enfermería para atender ás persoas con necesidades paliativas.

O número de pacientes ingresados nas unidades hospitalarias de coidados paliativos foi de 2.880 pacientes durante 2019. En HADO (Hospitalización a Domicilio) atendéronse no ano 2019 a un total de 6.446 (318 más que en 2018) pacientes e realizáronse 58.377 visitas (1.133 máis que en 2018).

Almuiña lembrou que dende a publicación da Lei 5/2015 do 26 de xuño, de dereitos e garantías das persoas enfermas terminais, os hospitais do Servizo Galego de Saúde están adaptando as súas unidades de coidados paliativos ao descrito na vixente Lei, así das 100 habitacións destinadas a coidados paliativos, 88 son individuais. Trátase dunha Lei “que seguimos a desenvolver, na que seguimos a traballar porque sabemos que non todo está feito e que sempre hai cousas por facer e mellorar”, destacou Almuiña e engadiu que esta é a dirección na que sigue traballando o Goberno galego pois “entendemos que é a demanda da cidadanía”.

Nova categoría profesional e aprobación do Plan HADOO conselleiro de Sanidade destacou outras actuacións realizadas polo seu departamento como o proxecto de decreto de creación da categoría de Médico de Hospitalización a Domicilio no Servizo Galego de Saúde, abordado en mesa sectorial o pasado mes de decembro.

O obxectivo deste proxecto é outorgar maior relevancia ao papel que desempeñan principalmente ata agora médicos de familia ou de medicina interna. A creación desta categoría está enmarcada no Plan de HADO, recentemente aprobado, cunha atención que se pretende estender a toda a poboación e a todo o territorio galego, unha atención centrada no paciente, na atención no seu domicilio. De feito o plan recolle a creación de quince novos equipos para reforzar este servizo, cun orzamento de máis de 2 millóns de euros. O novo Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023 permitirá estender este servizo ao 100% dos galegos os 365 días do ano.

Atención PrimariaO conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, referiuse hoxe en sede parlamentaria ao aumento orzamentario que experimentou a partida destinada aos recursos humanos en atención primaria. Así, nos presupostos da Xunta para 2020, chegou aos 484 millóns de euros, 22 millóns de euros máis respecto ao ano anterior. Deste xeito, a partida orzamentaria para persoal do primeiro nivel asistencial increméntase nun 5%. Este incremento supera o global destinado a recursos humanos do Sergas, que é do 3,5%.

No referido ao número de prazas, o conselleiro mencionou o Plan Galego de Atención Primaria, que recolle a creación de 331 novas prazas entre os anos 2019-2021. Delas xa están autorizadas para a súa cobertura as 45 do ano 2019 e nos orzamentos de 2020 están incluídas as 102 previstas para este ano, entre as que hai 29 de médico de familia, 10 de pediatra e 38 de enfermeiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre