Inicio Galicia Almuiña insiste na necesidade de acreditar novas prazas MIR ante a falta...

Almuiña insiste na necesidade de acreditar novas prazas MIR ante a falta de resposta do Ministerio

0

O conselleiro de Sanidade lembra que existen médicos coa carreira terminada pero que non poden exercer sen unha especialidade e que a prioridade absoluta para parliar o déficit de facultativos pasa pola formación

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, insistiu hoxe, na xuntanza do Consello Interterritorial, na necesidade de acreditar novas unidades docentes para médicos de familia e pediatría. Almuiña lamenta que, pese as súas reiteradas peticións ao Goberno central, “a día de hoxe non temos unha resposta para poder facer esta ampliación de prazas MIR para a próxima convocatoria”.

Galicia xa manifestou en numerosas ocasións a necesidade de aumentar un 26% as prazas MIR de medicina de familia e un 23% as prazas de pediatría con respecto do exame MIR de 2017. En concreto, solicitou acadar na próxima convocatoria as 124 prazas para a especialidade de medicina de familia e incrementar en seis prazas a de pediatría, pasando das 20 actuais ata 26.

Almuiña remarcou que en Galicia “temos médicos que acabaron a carreira pero que, sen unha especialidade, non poden exercer”. Segundo o conselleiro, “a prioridade absoluta é a formación” para poder aumentar o número de especialistas, aínda que tamén pediu medidas para axilizar a homologación de títulos.

O máximo responsable da Sanidade pública galega insistiu en que o desexado novo modelo de atención primaria, que buscan tanto Galicia como o resto das comunidades pasa polo incremento de especialistas en medicina familiar e pediatría, sen esquecer que tamén son necesarios máis profesionais noutras especialidades.

Ante a negativa do Ministerio de Sanidade a celebrar unha convocatoria extraordinaria de MIR, Almuiña informou que, seguramente, o vindeiro exame terá lugar en xaneiro de 2020. O conselleiro confía que nesa data, Galicia poida presentar todas as prazas posibles para cubrir as carencias de profesionais.

Novos tratamentos e desabastecemento de medicamentosRespecto do financiamento, o conselleiro de Sanidade incidiu na súa importancia, posto que afecta aos novos tratamentos como é o caso das patoloxías oncolóxicas, xa que se pode poñer en risco a sostenibilidade do sistema sanitario.

Almuiña pediu falar sobre este tema do financiamento, e dixo que a ministra non se mostrou partidaria de abordalo, posto que dixo que era unha materia que corresponde ao Consello Fiscal. Almuiña insistiu en que é un asunto no que hai que escoitar ao sector sanitario. “Necesitamos un criterio posto que o financiamento é algo fundamental para o sistema sanitario e ten que ter un tratamento especial por parte do Ministerio de Sanidade” remarcou o conselleiro.

No tocante ao desabastecemento de medicamentos, Almuiña subliñou que é un problema xeral, que non só afecta a Galicia e a toda España, senón tamén a Europa. Neste senso, indicou que non só ten que haber unha coordinación estatal, senón tamén a nivel da Unión Europa e tratar de chegar a acordos coas farmacéuticas para evitar o desabastecemento de fármacos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre