Inicio Galicia Almuiña insiste en que se manterán os postos de traballo na nova...

Almuiña insiste en que se manterán os postos de traballo na nova cociña do CHUO ademais de crear outros novos

0

Así o remarcou hoxe no Parlamento o conselleiro de Sanidade, quen lembrou que o servizo seguirá a estar xestionado directamente polo Sergas

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, insistiu hoxe no Parlamento en que o Sergas vai manter e incluso aumentar os postos de traballo na futura cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Almuiña lembrou que a cociña seguirá a ser xestionada directamente polo Sergas e que, ademais de manterse todos os postos de traballo actualmente desempeñados por persoal estable, crearanse catro novos empregos para profesionais titulados en Dietética e Nutrición.

Almuiña tamén afirmou que se adquiriu un compromiso de igualdade de presenzas en quenda dende luns a domingo, independentemente do día da semana de que se trate. Isto suporá a incorporación dun cociñeiro a maiores da dotación actual.

O conselleiro remarcou a mensaxe de tranquilidade para todo o persoal ao que xa se lle comunicou en diversas xuntanzas que ninguén vai perder o seu posto de traballo por mor do traslado á nova cociña. Segundo dixo Almuiña “o persoal de plantilla non se reduce, o que si se reduce son as presenzas e por tanto a taxa de eventualidade, a expensas de mellorar a automatización dos procesos, a seguridade e a ergonomía dos profesionais”.

A nova cociñaA nova cociña do CHUO vai contar cun orzamento de 5,2 millóns de euros para a súa obra e equipamento. Unha cociña moderna, eficiente, segura, cos últimos avances do sector. Para a dotación do equipamento da cociña tívose moi en conta de xeito particular a saúde dos traballadores. Por iso contará con luz natural, ventilación climatización e maquinaria adaptada ás necesidades da ergonomía, co fin de ofrecer un axeitado entorno de traballo aos profesionais.

Nesta cociña vaise traballar en sistema de liña mixta, alternando liña quente e fría. Unha vez definidos os procesos a levar a cabo, configurouse unha cociña central onde poder desenvolver os procesos en liña quente e fría de xeito combinado para dar servizo ao complexo hospitalario. Nesta configuración, respectouse toda a normativa hixiénico sanitaria para garantir seguridade alimentaria en todo o proceso, dende a recepción das materias primas até a distribución aos pacientes. O sistema permite unha xestión personalizada das dietas, micro-producións, alerxias e a elección do menú por parte dos pacientes, sen menoscabo da calidade do servizo, nin da calidade alimentaria.

En Galicia existen hospitais que dende fai anos veñen implantando sistemas de liña fría nos seus procesos de traballo, como o Hospital Lucus Augusti e o Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre