Inicio Galicia Almuiña garante que se manterá a atención ás mulleres no Hospital de...

Almuiña garante que se manterá a atención ás mulleres no Hospital de Verín durante o embarazo e despois do parto

0

Subliña que a prioridade é a seguridade das nais e dos seus fillos e lembra que a decisión de trasladar os partos a Ourense vén avalada por xinecólogos, obstetras e pediatras da área sanitaria, polas sociedades científicas e polo Colexio médico

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, insistiu este mércores en que a reordenación da atención obstétrica e pediátrica na provincia de Ourense obedece exclusivamente a razóns de seguridade e calidade. “Priorizamos a seguridade das nais e, sobre todo, dos neonatos, sobre as críticas que estamos a recibir”, dixo Almuiña no Parlamento de Galicia, recordando en todo caso que o Hospital de Verín continúa a ser o centro de referencia para o seguimento das xestantes da zona e a atención posterior ao parto. Só será a ecografía da semana 22, de alta resolución, que xa se viña realizando en Ourense, e o acto do parto, precisou, o que se derivará ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Almuiña destacou que o descenso da natalidade na comarca de Monterrei fixo que se pasaran dos 147 partos en 2010 a uns 60 durante este ano, o que supón unha diminución de case un 60%. A isto hai que engadir que os partos na actualidade son máis complexos, debido a causas como a maior idade das nais e as xestacións múltiples, entre outras.

Tamén insistiu na escaseza de pediatras que afecta ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde, profesionais, remarcou, imprescindibles no momento do parto. No caso concreto do Hospital de Verín, lembrou que o centro non ten servizo de Pediatría desde o ano 2006 e que o intento do Sergas de ofertalo mediante a convocatoria no mes de xuño de dúas interinidades (o paso previo a obtención de praza en propiedade) non se puido materializar porque non se presentou ningún aspirante. Ademais, o único pediatra -de Atención Primaria- que realizaba gardas no hospital verinés deixou de facelas por razóns de idade.

Con estes datos obxectivos, e contando co respaldo dos xefes de servizo de Obstetricia e de Pediatría da área, de 44 xinecólogos e pediatras da Área sanitaria de Ourense, de sociedades científicas, do Colexio médico de Ourense e do Ministerio de Sanidad, decidiuse trasladar unicamente o acto do parto ao CHUO, xa que, segundo dixo o conselleiro, “preferimos tomar esta decisión antes de que teñamos que lamentar consecuencias irreversibles para unha muller e para o seu bebé”. Almuiña insistiu en que a prioridade para o Sergas é a seguridade das nais e dos seus fillos que, con esta reordenación da atención, contarán cos servizos engadidos presentes no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense: diagnóstico prenatal, UCI pediátrica e de adultos para as nais e consultas de subespecialidades de pediatría. “Non queremos traslados de urxencia que poñan en risco ás nais e aos nenos, e neste ano nove nenos nacidos no Hospital de Verín foron trasladados a Ourense”, expuxo o conselleiro.

No tocante á atención pediátrica, o Almuiña indicou que os 2.136 nenos do distrito sanitario de Verín teñen garantida a asistencia cunha das mellores ratios de volume de pacientes por pediatra de Galicia nos seus centros de saúde e coa cobertura do servizo de Pediatría e de Urxencias Pediátricas do CHUO. Ao respecto, recordou que o tempo medio de espera na cirurxía pediátrica da área de Ourense era de 36,9 días, e a demora para unha primeira consulta de Pediatría no hospital, de 7,2, dezaoito menos que en xuño de 2018. Todas elas por debaixo da media de espera do conxunto do Sergas e, incidiu, moito menores cas referencias do conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

Non hai desmatelamento do Hospital de VerínO conselleiro de Sanidade quixo saír ao paso tamén das mensaxes falsas que acusan ao Sergas do desmantelamento do Hospital verinés. Neste sentido, lembrou, entre 2010 e 2018, a poboación da comarca de Monterrei diminuíu un 13,6%, pasando de 30.000 a algo menos de 26.000 persoas. Aínda así, o persoal do hospital aumentou de 254 a 298 profesionais, pasando de 37 a 39 médicos. Neste período o persoal sanitario aumentou de 179 a 208 e o persoal non sanitario de 34 a 49. Pola contra, diminuíu o número de directivos, pasando de catro a dous. A maiores, este ano convocouse unha praza de dermatoloxía e dúas de cirurxía, que quedaron desertas. Ademais das dúas interinidades de pediatría xa mencionadas, tamén se convocou unha de endocrinoloxía, co profesional xa incorporado. En breve convocarase un posto de traumatoloxía e o servizo de Urxencias xa conta cun plan funcional e de espazos aprobado.

En canto a actividade asistencial, as consultas totais pasaron de 49.234 a 65.844, un incremento dun 34%. En primeiras consultas pasouse de 17.727 a 20.564, un 16% máis. En intervencións cirúrxicas, de 1922 a 2131, un 11% máis.

Na situación actual de insuficiencia de persoal médico especialista, a existencia de áreas integradas é a que está a permitir que os profesionais de Ourense se despracen a Verín e manteñan a cobertura da asistencia en igualdade de condicións. Así está a acontecer en especialidades tan importantes e tan demandadas como por exemplo oncoloxía médica (máis de 350 pacientes se están a tratar actualmente en Verín), nefroloxía, ou dixestivo, áreas nas que se evitan desprazamentos reiterados e penosos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre