Inicio Galicia Almuiña garante a atención nas Urxencias e o funcionamento dos plans de...

Almuiña garante a atención nas Urxencias e o funcionamento dos plans de resposta deseñados fronte a picos puntuais

0

Os protocolos deseñados polo Sergas coa participación dos profesionais que teñen que aplicalos aseguran o restablecemento da normalidade en situacións puntuais de sobrecarga, comúns e todos os sistemas sanitarios e intrínsecas á natureza destes servizos


Entre xaneiro e novembro deste ano os servizos de Urxencias hospitalarias do Sergas atenderon 956.725 doentes. O 16,24% deses pacientes precisaron hospitalización supoñendo os ingresos desde Urxencias o 65,15% do total. Cifras, todas elas, que, segundo indicou o conselleiro de Sanidade no Parlamento galego, son parellas ás de anos anteriores e impiden falar de “colapsos”. Jesús Vázquez Almuiña expuxo que a entrada nos servizos de Urxencias está sempre suxeita a flutuacións e a circunstancias non previstas e que a sobrecarga en situacións puntuais, como pode ser a onda anual de gripe, é un problema universal. En calquera caso, garantiu que os pacientes son sempre atendidos de acordo a súa gravidade clínica. Do mesmo xeito, o conselleiro certificou o funcionamento dos plans de continxencia para a campaña gripal; documentos, remarcou, que se elaboran en cada área sanitaria coa participación dos profesionais responsables da súa aplicación e que contemplan as actuacións previstas en cada circunstancia para axilizar a resposta segundo vaian crecendo as necesidades asistenciais durante esta época invernal.

Entre outras garantías, indicou Vázquez Almuiña, as bases dos plans de continxencia habilitados este ano polo Sergas establecen un primeiro contacto de pretriaxe en menos de dez minutos no 90% das asistencias e unha primeira asistencia facultativa antes dunha hora para o 80% dos pacientes clasificados pola súa gravidade clínica como nivel amarelo (os niveis anteriores, branco, azul e verde, non son prioritarios). Así mesmo, máis aló dos propios servizos de Urxencias hospitalarios, os plans de continxencia fronte a gripe implican a unha ampla rede de profesionais, na que toman parte moitos dos restantes servizos hospitalarios, o 061 e os centros de saúde e Puntos de Atención Continuada da Atención Primaria.

Os servizos de Urxencias dos hospitais públicos de Galicia, asegurou o conselleiro, contan con profesionais de alta cualificación e formación, así como con infraestrutura e equipamento de calidade, e traballan con protocolos e sistemas de información que permiten o desenvolvemento do seu traballo nas mellores condicións. Do mesmo xeito, indicou, o deseño dos espazos asegura o necesario equilibrio entre a protección do dereito á intimidade e privacidade dos usuarios e a eficacia na atención.

Por todo o exposto, a rápida reacción dos profesionais e do conxunto da organización fan posible superar con éxito episodios puntuais de sobrecarga. No caso concreto das Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), explicou Almuiña, ese traballo coordinado permitiu recuperar a normalidade na mañá do día 20 logo do aumento da demanda moi superior ao habitual rexistrado na tarde do 19 de outubro e na noite seguinte. O servizo de Urxencias do CHUAC, precisou o conselleiro, incrementou a súa demanda e actividade media no último ano pasando de 350 urxencias diarias a máis de 400, polo que se incrementaron en 17 postos os espazos asistenciais e se reforzou a dotación de persoal: dez efectivos adicionais distribuídos en diversas categorías.

Maiores taxas de vacinación antigripalO conselleiro de Sanidade incidiu unha vez máis en que a mellor intervención fronte á gripe é a prevención e, ao respecto, informou do avance da campaña de vacinación, que acada maiores taxas de cobertura que en exercicios previos. No momento actual, con datos acumulados ata o 17 de decembro, son 585.159 as persoas vacinadas, 35.000 máis que na mesma data do ano anterior. Nas persoas de 65 ou máis anos, un dos grupos prioritarios da vacinación, a cobertura sitúase nun 59,13%, polo que, a falta de dez días para o remate da campaña, a taxa supera xa en máis de medio punto a cobertura acadada o ano anterior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre