Inicio Galicia Almuiña entrega o diploma de participación na Rede Galega de Portos sen...

Almuiña entrega o diploma de participación na Rede Galega de Portos sen Fume ao Monte Real Club de Iates de Baiona

0

A iniciativa segue a filosofía das Praias sen fume e establece as áreas de recreo dos portos deportivos como zonas libres de tabaco


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixo entrega hoxe ao presidente do Monte Real Club de Yates de Baiona, José Luis Álvarez, do diploma de participación na Rede Galega de Portos sen Fume.

A colaboración da Consellería de Sanidade coa Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, foi indispensable para poder conseguir o obxectivo da Xunta de Galicia de crear a Rede Galega de Portos sen Fume. O Goberno galego fixo chegar a proposta aos diferentes xestores portuarios solicitándolles a súa valoración e colaboración, coa finalidade de facer dos portos autonómicos contornas máis saudables e sustentables.

A iniciativa nace da boa aceptación e valoración entre a poboación galega dun proxecto similar que é a Rede Galega de Praias sen Fume, que se iniciou no ano 2016 coa fin de desnormalizar o consumo de tabaco na nosa sociedade, ampliando a prohibición de fumar en espazos abertos non incluídos na normativa vixente. O éxito deste tipo de iniciativas como a Rede de Praias sen Fume ven avalada polo rápido crecemento do número de praias que se sumaron a iniciativa nestes anos. Das 26 praias do ano 2016, pasouse ás 46 no ano 2017. No ano 2018, un total de 79 praias en 45 concellos formaban parte desta Rede. Tres concellos galegos declararon todas as súas praias, praias sen fume: Corcubión, Rianxo e Baiona que agora inclúe tamén o seu porto deportivo na Rede Galega de Portos sen Fume, co obxectivo de converter este espazo de ocio nun lugar máis saudable e respectuoso co medio ambiente.

Como a iniciativa de Praias sen Fume, nos portos que se adscriban á rede non se pode fumar, pero non existe vixilancia nin sanción para o cumprimento desta norma por parte dos usuarios. Trátase dun compromiso persoal, que pretende promover a participación activa da sociedade en temas de saúde tan importantes como o consumo de tabaco e a exposición pasiva ao seu fume.

Todos os materiais de sinalización, así como os informativos e de sensibilización dirixidos á sociedade, serán facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que tamén se fará cargo do seguimento do proxecto.

Estas redes sen fume teñen como obxectivo ir aumentando a prohibición de fumar en espazos ao aire libre, mantendo a non vixilancia nin a sanción para o incumprimento, promovendo unha vida sen tabaco, e, ademais, recalcando a importancia da conduta positiva nos adultos ante os máis pequenos, coa finalidade de que sexa visible para eles que o normal non é fumar.

O proxecto da Rede Galega de Portos sen Fume comezou a mediados do pasado ano e xa conta con catro portos adscritos: o Club Naútico de Portonovo, o Real Club Náutico de Portosín, o Real Club Náutico de Ribadeo, e dende hoxe, o Monte Real Club de Iates de Baiona.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre