Inicio Galicia Almuiña destaca que a oferta do Sergas de prazas para a formación...

Almuiña destaca que a oferta do Sergas de prazas para a formación de profesionais especialistas en atención primaria é a maior da historia

0

Con este aumento de prazas na convocatoria MIR 2019-2020, o Servizo Galego de Saúde está a dar cumprimento a un dos compromisos acadados no Plan galego de atención primaria


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, destacou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, que o Servizo Galego de Saúde realizou este ano a maior oferta da súa historia de prazas para a formación de profesionais especialistas de atención primaria.

Así, tal e como remarcou o responsable da sanidade pública galega, a oferta do total de prazas previstas para a convocatoria MIR 2019-2020 supón un incremento do 13,1% respecto das do ano anterior, situándose por riba da previsión de crecemento estatal do 10%.

Na comparativa da convocatoria anual coa do ano anterior, Almuiña destacou que se rexistra un incremento importante na formación para as especialidades de pediatría, medicina de familia e enfermería familiar e comunitaria.

Tal e como remarcou Almuiña, dende o Sergas solicitouse ao Ministerio de Sanidade ofertar un total de 129 prazas para a formación de médicos de familia, é dicir, 24 máis que en 2018, o que supón un incremento do 22,8%.

No que atinxe a pediatría, o Sergas oferta 27 prazas, o que supón un incremento dun 35% respecto do ano anterior, con 7 prazas máis. Almuiña destacou que as prazas de formación desta especialidade non se incrementaban dende 2013.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou, igualmente, que as prazas de enfermería familiar e comunitaria tamén rexistran un aumento. En concreto, a oferta é de 34 prazas desta especialidade, o que supón un 61,9% máis que o ano anterior, cando se ofertaron 21.

Con respecto ao total de prazas ofertadas, Almuiña dixo que o Sergas tamén prevé a maior oferta dos últimos dez anos. En concreto, trátase, -dixo o conselleiro-, dunha convocatoria récord de 457 prazas de formación sanitaria especializada para o curso 2019-2020.

O Sergas oferta, neste ano, un total de 53 prazas máis que na convocatoria do ano pasado, o que supón un 13,1% de incremento, colocándose tamén Galicia por riba da previsión do Ministerio situada no 10%.

Cumprimento dos compromisos do Plan de primariaNa súa intervención no Parlamento, Almuiña subliñou que, con este aumento de prazas na convocatoria MIR 2019-2020, o Servizo Galego de Saúde está a dar cumprimento a un dos compromisos acadados no Plan galego de atención primaria, recentemente aprobado, e que axudará a paliar a escaseza de facultativos nalgunhas especialidades.

Con esta oferta MIR, a maior realizada por Galicia na súa historia no que a profesionais especialistas de primaria se refire, o Sergas dá un paso máis na procura de solucións ante a falta de médicos que afecta a todo o Sistema Nacional de Saúde.

Almuiña insistiu en que o seu departamento leva tempo pedíndolle ao Ministerio de Sanidade que adopte con urxencia medidas extraordinarias para afrontar a carencia de especialistas no conxunto do Sistema Nacional de Saúde. Entre esas medidas están a modificación do Real Decreto que regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde, co obxecto de incentivar a retención de especialistas en prazas de difícil cobertura ou especialidades deficitarias; ou a dotación dos medios necesarios para reducir os prazos de tramitación e resolución dos expedientes de homologación de títulos de especialistas extracomunitarios.

Tamén leva insistido o Sergas na necesidade de poñer en marcha o rexistro estatal de profesionais sanitarios e na realización dun estudo das necesidades de especialistas que estaba previsto para finais do ano pasado; así como na eliminación da taxa de reposición e a análise dos criterios establecidos na normativa de incompatibilidades do persoal médico.

Medidas do SergasPola súa banda, Almuiña remarcou que o Sergas xa leva tempo traballando en distintas iniciativas para solucionar o déficit de profesionais. Entre estas medidas están o feito de esgotar ao 100% a taxa de reposición e ser a única comunidade que mantivo convocatorias anuais de ofertas de emprego. Como novidade, nesta OPE do 2019 (1.314 prazas), a taxa de reposición que se aplica é do 108%.

Outras das medidas do Sergas son a posta en marcha dun plan de estabilidade do emprego, o concurso de traslados aberto e permanente ou o recoñecemento da carreira profesional.

Xunto a todo o anterior, o Sergas ampliou a idade de xubilación aos 68 anos e irase incrementando ata os 70, o que permitiu que ao redor de 160 profesionais seguiran en activo. Tamén puxo en marcha o departamento sanitario galego o nomeamento eventual de continuidade, que dá maior estabilidade laboral aos profesionais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre