Inicio Galicia Almuiña destaca os proxectos que está a impulsar a Sanidade Pública Galega...

Almuiña destaca os proxectos que está a impulsar a Sanidade Pública Galega en materia de innovación

0

Estamos a conseguir facer da compra pública innovadora unha marca da sanidade galega, -remarca o conselleiro de Sanidade-

“A sanidade galega leva a innovación no sangue, a entendemos como un fluído que debe alimentar todo o noso sistema”. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración da xornada: Fronteiras da Innovación Sanitaria: O futuro da innovación en saúde constrúese colaborando, que se celebra na Cidade da Cultura, e que conta coa organización do Sergas e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). No acto interveu, tamén, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López.

Almuiña destacou a importancia da creación do Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS), así como cada un dos proxectos que Sanidade está a impulsar dende este organismo, entre os que citou o Código 100, centrado no envellecemento, a Plataforma Telea ou É-Saúde. Tamén subliñou Almuiña o recoñecemento internacional cos premios europeos recibidos polos proxectos galegos de compra pública innovadora.

O máximo responsable da sanidade pública galega amósase convencido que sanidade e economía están intimamente relacionadas, posto que entende “que a sanidade pública é un motor económico, ao tratarse dun espazo no que as nosas empresas poden desenvolver innovación que proxectar e exportar posteriormente ao resto de España e do mundo”.

Almuiña remarcou, tamén, a satisfacción do seu departamento por saber que están a conseguir facer da innovación, e en particular da compra pública innovadora, “unha marca da sanidade galega”. Ao respecto sinalou que, na actualidade, numerosas comunidades autónomas así como a Administración xeral do Estado comparten programas de incentivos e financiamento en relación a este tema.

Galicia pioneira O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que a Compra Pública Innovadora é o mellor instrumento para ofrecer aos cidadáns mellores servizos públicos e destacou que a Comunidade é pioneira neste eido. Así, Galicia executou o 40% de toda a compra pública de innovación contratada en España no período 2007-2014 e traballa por manter esta posición de liderado coa execución de 110M€ neste período 2014-2020.

Conde explicou que, nesta aposta por mellorar os servizos públicos a través da innovación, a sanidade ocupa un destacado lugar con proxectos como InnovaSaúde, Hospital 2050 ou Código100, e reiterou o compromiso da Xunta por facer de Galicia unha rexión de referencia no sur de Europa na oferta de servizos e productos relacionados cun modelo de vida saudable.

Espazo xurídico de innovaciónNa mesma liña, o director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta, Manuel Pillado, presentou nesta xornada InnovaIUS.

Lab, un espazo xurídico de innovación no sector público que permitirá canalizar en aberto de forma interactiva toda a información e documentación xerada neste ámbito. Este proxecto da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica foi seleccionado pola Fundación Cotec para a Innovación para colaborar no seu desenvolvemento. Trátase dun punto de encontro para todos os empregados públicos desde o que se poida difundir coñecemento tendo en conta o punto de vista xurídico; así como intercambiar boas prácticas ou expoñer casos de éxito. Ademais, no marco deste espazo, realizaranse xornadas e seminarios temáticos.

Na súa intervención, Manuel Pillado destacou a importancia de fomentar a innovación no eido da contratación pública para garantir a prestación de servizos públicos de alta calidade e contribuír a unha economía máis innovadora, sostible, inclusiva e competitiva.

Novas oportunidades de mercadoA primeira edición da xornada Fronteiras da Innovación Sanitaria 2019, con máis de 200 profesionais inscritos, permitirá examinar os avances reais na sanidade galega vencellados a proxectos de innovación (Código 100), difundir as oportunidades existentes na modalidade de compra pública innovadora ou explorar novos modelos de cooperación en materia de I+D+i.

O foro pretende operar como espazo de discusión e intercambio de experiencias sobre a innovación sanitaria entre os profesionais do sector (entidades públicas e privadas, emprendedores e demais expertos de primeiro nivel). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre