Inicio Galicia Almuiña destaca as melloras nos servizos sanitarios da Mariña e a valoración...

Almuiña destaca as melloras nos servizos sanitarios da Mariña e a valoración positiva dos seus cidadáns

0

O conselleiro lembrou en Parlamento os investimentos e as melloras sanitarias levados a cabo na comarca durante os últimos anos

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a aposta por continuar mellorando os servizos sanitarios na Mariña, e lembrou a recente ampliación do Hospital e dos novos servizos que se incorporaron durante os últimos anos. “Temos unha magnífica sanidade con excelentes profesionais, moi ben valorada polos cidadáns da Mariña”, afirmou.

Neste sentido, referiuse á ampliación e reforma do seu Hospital, cun investimento de 10,8 millóns de euros en obras e de arredor de 2,5 millóns de euros en equipamento e ampliación. Ademais, dende 2012 mellorouse a carteira de servizos, cunha cobertura de hospitalización a domicilio e coidados paliativos ao 100% da poboación, unha unidade de retina e glaucoma en oftalmoloxía e a creación do hospital de día oncohematolóxicos. A isto habería que engadir novas consultas de oncoloxía, nova sala de endoscopias, unha unidade de patoloxía do colo de útero, consulta de ostomías e clases de preparación ao parto. Tamén se realizaron melloras nas instalacións por valor de 1,3 millóns de euros e máis de 300.00 euros en equipamento.

Por outra banda, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que dende o seu departamento “tomamos medidas, correximos deficiencias e efectuamos o mantemento necesario do centro de saúde de Foz e de todos os centros de saúde da nosa dependencia”. Así, explicou que o interior das instalacións presenta un bo estado de conservación, “pola calidade e comportamento dos revestimentos, e polas actuacións realizadas desde a súa posta en funcionamento”, e atribuíu o aspecto externo da construción ao envellecemento natural dos materias debido ás condición climatolóxicas.

Segundo explicou Almuiña, o centro de saúde de Foz consta de dúas edificacións de recente construción: a principal data de 2003 e a ampliación do ano 2008. Durante estes anos, leváronse a cabo diversas actuacións. Así, en 2017 resolvéronse problemas de ventilación e en 2018 realizouse a acometida de gas natural para calefacción, a modificación dos elementos xeradores de calor e a eliminación do almacenamento de gasóleo C. Para levar a cabo estas melloras, realizouse un investimento de 27.443 euros.

O conselleiro informou que polas súas características técnicas, as fachadas o centro de saúde non precisa mantemento a curto prazo, mentres que a longo prazo require a revisión do selado entre as xuntas. O que si se vai levar a cabo durante este ano son actuacións de limpeza con auga a presión dos elementos de formigón e os tratamentos de protección necesarios nos revestimentos de madeira.

AmbulanciasO conselleiro lembrou ademais que A Mariña conta coas prestacións de 5 ambulancias asistenciais de soporte vital básico, concretamente en Burela, Foz, Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro, e que realizan unha media de 4 servizos diarios.

A isto hai que engadir, dixo Almuiña, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado (SVA) con base en Foz que está operativa dende o ano 2010. Esta ambulancia comezou sendo un proxecto piloto e é a encargada de realizar todos os traslados interhospitalarios, que precisen dun recurso medicalizado, dende o Hospital da Mariña a calquera hospital galego. O conselleiro afirmou que a dotación de persoal deste tipo de ambulancias, cun médico, un enfermeiro e un técnico de emerxencias sanitarias, é idéntico o empregado noutras comunidades como País Vasco, Cataluña, Madrid e Aragón entre outras, e tanto a súa eficacia como a súa operatividade está avalada por estudos a nivel nacional.

O conselleiro explicou que se trata do mesmo modelo e a mesma dotación que se vai implantar no Salnés e en Monforte, contando con persoal experto no transporte de pacientes críticos co que se garante a inmediatez no transporte interhospitalario e a dispoñibilidade 24 horas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre