Inicio Galicia Almuiña afirma que as melloras no calendario de vacinación galego fai que...

Almuiña afirma que as melloras no calendario de vacinación galego fai que siga sendo un dos máis completos do mundo

0

Así o manifestou hoxe no Parlamento de Galicia, onde falou das melloras introducidas en vacinas a do virus do papiloma humano e a meningocócica, cun investimento de case 3 millóns de euros


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, explicou hoxe, no Pleno do Parlamento, as melloras introducidas polo Sergas no calendario vacinal galego, para que siga sendo, segundo dixo, “un dos máis completos do mundo”.

Entre as melloras recollidas no calendario, Almuiña destacou que dende o 22 de xullo susbtituiuse a vacina bivalente fronte ao virus do papiloma humano (VPH) pola vacina nonavalente, que aumenta a protección fronte aos cancros que inducen estes virus. Tamén dende a mesma data, ampliáronse os grupos de risco que se poden beneficiar das vacinas existentes no mercado, como no caso da vacina do virus do papiloma humano, que ampliou o seu uso a novos grupos de risco e, en todos os casos ata os 45 anos. Auméntase deste xeito a recomendación promovida polo Ministerio de Sanidad que a limitaba nalgúns casos ata os 25 anos. O investimento nestas vacinas increméntase nuns 2.300.000 €.

Este mesmo ano, lembrou o conselleiro, tamén se aprobaron cambios na vacinación antimeningocócica, ao pasa a usar unha vacina tetravalente (para os serogrupos A, C, W e Y) en poboación preadolescente, aos 12 anos, substituíndo á vacina monovalente fronte ao serogrupo C. Para reforzar a protección vanse vacinar tamén a varias cohortes de adolescentes, co obxectivo non só de aumentar a súa protección directa, senón de producir un efecto indirecto de aumento da inmunidade colectiva, en toda a poboación independentemente da súa idade, ao diminuír o número de portadores da bacteria. Estas melloras levan aparellado un investimento de 590.000 € entre 2019 e 2020.

Jesús Vázquez Almuiña fixo tamén mención á campaña da gripe, subliñando que o Servizo Galego de Saúde utiliza as mellores vacina antigripais dispoñibles. Así, na campaña actual, xeneralizouse o uso da vacina tetravalente de cultivo celular a toda a poboación diana de 15 a 64 anos e ampliouse uso da vacina adxuvada, que provoca mellor resposta inmunitaria en persoas maiores, dende os 65 anos.

As melloras introducidas no caso da vacinación antigripal supoñen preto de 1.300.000 € de gasto en relación ao ano anterior.

Ademais das novidades referidas, o conselleiro destacou que o luns desta mesma semana introduciuse a vacina fronte ao rotavirus para os nenos prematuros, nacidos entre a semana 27 e 32 de xestación, logo de que fora aprobada na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial hai uns días. Esta medida supón un incremento de case 150.00 euros por ano.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre