Inicio Galicia Almuiña afirma que a planificación asistencial do Sergas no período estival supera...

Almuiña afirma que a planificación asistencial do Sergas no período estival supera as previsións de ocupación media

0

O conselleiro de Sanidade lembra que os hospitais públicos de Galicia dispoñen de plans de continxencia que permiten adoptar as medidas necesarias en caso de situacións imprevisibles, adecuando os recursos asistenciais

A planificación dos recursos asistenciais no período estival faise tendo en conta a demanda asistencial, e en función da estacioncionalidade e da morbilidade de determinadas patoloxías, e como consecuencia, o Sergas mantén operativos os recursos adaptados á realidade. Nesta planificación dos recursos tamén se teñen en conta os datos dos anos anteriores e os datos de ocupación. Así o afirmou hoxe en sede parlamentaria o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen subliñou que a planificación asistencial lévase a cabo tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade galega de garantir, en todo momento, a calidade asistencial dos pacientes.“Este tipo de planificación en xestión sanitaria non é unha peculiaridade do sistema sanitario galego, senón que se fai ao longo do ano en todos os servizos de saúde de todo o mundo”, asegurou Vázquez Almuiña.

O titular da carteira sanitaria lembrou que como medida de reforzo operativa, fronte á posibilidade de que ocorran situacións excepcionais e imprevisibles, os centros hospitalarios públicos galegos contan co seu respectivo Plan de continxencia que permite adoptar, de xeito áxil, as medidas necesarias destinas á adecuación dos recursos asistenciais. Tamén subliñou que a época estival é a estación do ano na que se observa unha diminución tanto da prevalencia como da morbilidade de determinadas patoloxías, o que implica que haxa un menor número de pacientes susceptibles de atención sanitaria.

Almuiña recalcou que, no caso da hospitalización, a estimación da ocupación nos meses correspondentes ao período estival deste ano baséase nos datos de ocupación real correspondente ao período acumulado de xuño-setembro de anos anteriores, e sempre se deixa unha marxe dun 10-12% para garantir a correcta atención dos pacientes. Deste xeito, o departamento sanitario planifica para o período estival unha dispoñibilidade de camas por riba da ocupación media. Os datos entre xuño e setembro de 2018 reflectiron unha porcentaxe de ocupación do 75,77%.

En base a isto, e tal e como afirmou o conselleiro de Sanidade, o Sergas manterá operativas este verán en torno a un 88% do total das camas funcionantes nos centros hospitalarios da rede pública galega, unha porcentaxe similar a outros anos. Esta cifra pon de manifesto unha axeitada planificación dos recursos dispoñibles e garante que todos os pacientes, en todos os casos, ingresan cando o precisan nunha cama a cargo do servizo especializado adecuado para a súa atención. Ademais, Almuiña remarcou que as camas non se pechan, senón que están dispoñibles ao 100% en caso de necesidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre