Inicio Galicia Agricultores e muiñeiros súmanse aos panadeiros nas reunións previas á constitución do...

Agricultores e muiñeiros súmanse aos panadeiros nas reunións previas á constitución do Consello Regulador da IXP Pan Galego

0

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria mantivo un encontro con estes colectivos para seguir avanzando na posta en marcha da Indicación Xeográfica Protexida


A Xunta e os representantes do sector avanzan nos traballos de posta en marcha da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, celebrou hoxe unha nova reunión con representantes da Federación Galega de Panaderías (Fegapan), así como doutras asociacións de panadeiros, de agricultores e de produtores de fariña (muiñeiros).

Este encontro serviu para conformar o embrión do que será o futuro consello regulador da IXP, co obxectivo de seguir avanzando, tamén, na redacción do regulamento e cara a constitución formal do devandito consello. Foi, pois, unha nova xuntanza das que están a manter responsables e técnicos da Consellería do Medio Rural cos axentes implicados para pór en marcha unha IXP que foi rexistrada polo Diario Oficial da Unión Europea o pasado 20 de decembro.

Na reunión tamén se avanzou nos aspectos técnicos relacionados coa fariña a empregar para que o pan teña este selo identificativo. Así, o prego de condicións establece que se empregará unha mestura de fariña de ecotipos ou variedades de trigos autóctonos cultivados en Galicia e de fariña de forza de trigos foráneos.

Unha vez se publique a orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) procederase á apertura dos diferentes rexistros que englobarán os produtores de trigo, os muíños e as panaderías. O obxectivo é que neste mesmo ano 2020 se poida atopar no mercado produto identificado co logotipo da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre