Inicio Galicia Administración, técnicos e investigadores fixarán criterios para rehabilitar espazos degradados nas...

Administración, técnicos e investigadores fixarán criterios para rehabilitar espazos degradados nas áreas urbanas que declare a futura Lei de rehabilitación

0

A Xunta de Galicia, o Colexio Oficial de Arquitectos e a Universidade de  Santiago asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a elaboración dun Plan de dinamización das áreas de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe)


A Xunta de Galicia, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela traballarán conxuntamente para a fixación de criterios para rehabilitar espazos degradados nas áreas urbanas que declare a futura Lei de rehabilitación, a primeira de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá o convenio de colaboración -por un importe de máis de 60.0000 euros- para impulsar un grupo de traballo, coordinado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), para elaborar un documento modelo de Plan de dinamización das áreas de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe) que desenvolva e concrete os contidos mínimos esixidos para rehabilitar este tipo de espazos, zonas degradadas desde un punto de vista arquitectónico e social.

Ao longo de 2018 e 2019, este grupo será o encargado de desenvolver o documento no que se establecerán os contidos mínimos que deberán incluír o Plan de dinamización das áreas Rexurbe que se declaren ao abeiro do establecido na futura Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que acaba de ser remitida ao Consello Económico e Social para a súa valoración.

O anteproxecto da devandita lei define estas Áreas Rexurbe coma “aqueles ámbitos coa consideración de conxuntos históricos con declaración de ben de interese cultural (BIC) e nas que conflúan tres supostos: áreas degradadas arquitectonicamente, áreas con situacións demográficas delicadas –como son o envellecemento poboacional ou a sobrepoboación- ou áreas na que existan certos problemas económicos ou sociais”.

A conselleira concretou que o desenvolvemento destas zonas requirirá a aprobación dos Plans de dinamización das Áreas Rexurbe, por parte dos concellos, polo que poderán usar o modelo que se elabora como base para redactar os seus plans de dinamización, que deberán estar adaptados ás características de cada área Rexurbe.

Desta maneira, o plan de dinamización terá como obxecto coordinar as actuacións públicas e privadas destinadas á dinamización e rexeneración do ámbito de cada Área Rexurbe, impulsando a recuperación da actividade económica, fomentado a mellora da habitabilidade das vivendas e das condicións de vida das persoas residentes, procurando atraer novos habitantes e garantindo a conservación dos valores patrimoniais do conxunto e dos seus elementos singulares.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre