Inicio Galicia Abre o segundo prazo da convocatoria fábrica intelixente para apoiar proxectos de...

Abre o segundo prazo da convocatoria fábrica intelixente para apoiar proxectos de I+D+i estratéxicos que contribúan a avanzar cara a Industria 4.0

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reserva para esta segunda edición da convocatoria de 2019 do programa Fábrica Intelixente 6,4 millóns de euros


Xa está aberto o prazo de solicitude da segunda edición da convocatoria de 2019 do programa Fábrica Intelixente, que ten como obxectivo apoiar proxectos estratéxicos de I+D+i que permitan avanzar cara un novo modelo industrial de futuro para Galicia, en liña co reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e a Axenda Galicia Industria 4.0. Para este segundo prazo, que pecha o 31 de xullo de 2019, a Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria ten reservado un crédito de 6,4 millóns de euros.

Os destinatarios destas axudas son empresas -de calquera tamaño- capaces de liderar proxectos de I+D+i de carácter estratéxico ou agrupacións dunha empresa ou empresas cun organismo de investigación, ambos con centro de traballo en Galicia. O tipo de proxectos financiables son proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en materia de organización e procesos, individuais ou en cooperación, cun orzamento de entre 2 e 10 millóns de euros. A intensidade das axudas varía en función do tipo de proxecto e do tamaño da empresa, podendo chegar ata o 80%.

Outros requisitos esixibles para acceder á convocatoria son: ter unha duración mínima de 3 anualidades e máxima ata o 30 de xuño de 2022; ser estratéxicos e ter un efecto incentivador; e facer un uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras esenciais. Entre as principais novidades desta edición destaca a redución do orzamento mínimo dos proxectos (de 4 a 2 millóns de euros) para permitir unha maior participación das pemes; o aumento do prazo de execución dos proxectos (de 2 a 3 anualidades) e a ampliación do prazo de solicitude, habilitando dúas edicións ao longo do ano para adaptarse mellor aos tempos das empresas.

Resolución da primeira edición de 2019Publicouse a resolución da primeira edición da convocatoria deste ano do programa Fábrica Intelixente. Nesta primeira fase apoiaranse 5 proxectos nos sectores da conserva, automoción, naval e TIC. Os proxectos desenvolveranse ata 2022 e neles participan 7 empresas e un centro tecnolóxico. Cunha axuda de preto de 6,4 millóns de euros, agárdase que mobilicen 22,4 millóns de euros, xeren 16 empregos cualificados e empreguen a 94 persoas en tarefas de I+D+i. Os proxectos financiados nesta primeira edición de 2019 son: ALBO 4.0, Tecnoloxías dixitais para a industria conserveira do futuro; FIBER 4.0, Desenvolvemento da Factoría Intelixente de Benteler Automotive Vigo; F4ST, Desenvolvemento de Tecnoloxías 4.0 para o Estaleiro do Futuro de Navantia; CLAUDIIA, Collaborative Layer for Automation and Development of Industrial Innovative Approache, liderado por Gamelsa, empresa do grupo Televés, en colaboración co CTAG; e EfiFACTORY, Tecnoloxías 4.0 para a fabricación eficiente da factoría Borgwarner en colaboración co CTAG.

En edicións anteriores desta liña de axudas, concedéronse en 2016 dous proxectos industriais innovadores, liderados por PSA e Televés respectivamente, con 33,9 millóns de euros que mobilizaron un total de 168 millóns de euros. A través da segunda convocatoria, en 2018, apoiáronse tres proxectos industriais innovadores con 5,4 millóns de euros liderados por FINSA, CUPA e COPO, mobilizando 13,7 millóns de euros.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre