Inicio Galicia Abre o prazo para acceder ás 153 prazas que ofertan os oito...

Abre o prazo para acceder ás 153 prazas que ofertan os oito campos de voluntariado da provincia da Coruña

0

Súmase á programación o campo Vía Xacobea: vía da Prata en Boqueixón e Vedra, e incorpórase á campaña o concello de Ribeira cunha acción centrada na conservación das dunas de Corrubedo


A Xunta de Galicia abre o prazo para participar nos campos de voluntariado dirixidos a mozas e mozos entre os 18 e os 30 anos, dentro da Campaña de Verán 2019 que ten por lema O verán que queres vivir. A oferta na provincia da Coruña ascende a 153 prazas distribuídas en oito campos, seis deles internacionais.

As temáticas destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Ademais, súmase á programación o campo de voluntariado Vía Xacobea: vía da Prata que se celebrará nas localidades de Boqueixón e Vedra e que pretende poñer en valor esta etapa do Camiño de Santiago; e tamén se incorpora a esta campaña estival o concello de Ribeira, co campo medioambiental nas dunas de Corrubedo.

O resto dos campos terán lugar en Vilarbó nas Pontes, que ten como obxectivo contribuír á recuperación das fragas do Eume ao seu paso por este municipio; en Ponteceso desenvolverase o campo Alí Xaz, no que as persoas participantes colaborarán na preparación e organización do festival xuvenil V de Valarés; e en Outes realizarase o campo Horta do Muíño, para poñer en valor e acondicionar a ruta do Añón e levar a cabo un programa de voluntariado interxeracional cos maiores do concello.

De carácter arqueolóxico serán o campo de voluntariado Castro de Socastro en Rois, que consistirá basicamente na limpeza deste xacemento; e o de Montesclaros na Laracha, que permitirá a limpeza e identificación de estruturas deste antigo poboado fortificado. Ademais, en Coirós terá lugar o campo de voluntariado Monte da Espenuca, no que se farán tarefas de coidado de árbores autóctonas como castiñeiros ou carballos e de acondicionamento de camiños e sendeiros.

Dúas convocatoriasO prazo para apuntarse en primeira convocatoria está aberto ata o vindeiro día 10 de maio, ás 14.00 horas. Abrirase unha segunda entre os días 23 e 27 de maio para campos de voluntariado no estranxeiro, e dende o 29 de maio ata tres días antes de iniciarse o campo para os que se desenvolven en Galicia e noutras comunidades autónomas.

A oferta concreta de datas, lugares, programación de cada campo de voluntariado e outros datos de interese pode consultarse na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Ademais destes campos, a Campaña de Verán 2019 inclúe campamentos en Galicia, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, propostas para maiores de 18 anos a través da iniciativa Conecta Galicia e actividades concertadas, que se poden consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 22 de abril. A Xunta oferta en total 9.834 prazas nesta campaña nas catro provincias galegas e mesmo fóra de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre