Inicio Galicia Abre o prazo para a incorporación de novos centros ao bacharelato de...

Abre o prazo para a incorporación de novos centros ao bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach)

0

Este programa educativo inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación con posterior defensa pública, unha materia extracurricular semanal e actividades complementarias de formación


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se abre o prazo para que os centros interesados soliciten incorporarse ao bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) e os que xa participen nel teñan a súa continuidade no proxecto. Esta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital (Edudixital 2020), ten entre os seus obxectivos promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria é tendo en conta a perspectiva de xénero.

O STEMBach, que inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación, contribúe a afondar no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico. Facilita tamén a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, e nas competencias dixitais.

O centro que desexe implantar o STEMbach debe presentar unha solicitude en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ademais de remitila ao correo electrónico stembach@edu.xunta.gal. O prazo está aberto ata o 9 de xullo de 2020, incluído.

Proxecto de investigaciónO STEMbach ten unha duración de 2 cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso do bacharelato, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.

Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas) extracurricular, en 1º e 2º de bacharelato, que poderá basearse nalgunha das materias relacionadas con este ámbito ou ter un enfoque interdisciplinar, con orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais, e que terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado.

A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, as alumnas e alumnos recibirán unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre