Inicio Galicia Abre o prazo de presentación de ofertas para a xestión de dous...

Abre o prazo de presentación de ofertas para a xestión de dous centros de atención a menores da Coruña

0

Trátase das instalacións Concepción Arenal e o de intervención educativa en medio aberto (CIEMA), actualmente xestionadas pola Fundación Camiña Social


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a apertura do proceso de selección de ofertas para a xestión dos centros de atención a menores que teñen que cumprir medidas xudiciais, concretamente, o Concepción Arenal e o de intervención educativa en medio aberto (CIEMA) da Coruña. O Goberno galego investirá un total de 6 millóns de euros no desenvolvemento da actividade de ambos servizos ata o ano 2022.

Os dous centros, actualmente xestionados pola Fundación Camiña Social, dedícanse á atención de persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais. No caso do centro Concepción Arenal, a Consellería de Política Social licita o servizo por 5 millóns de euros, ao levarse a cabo unha atención residencial e unha intervención educativa integral. Para este 2020, destinarase un total de 1,6 M€; para o 2021 serán 2,5 M€; e de cara ao 2022 achegaranse 835.000 euros.

Por outra banda, o orzamento destinado ao centro de intervención educativa en medio aberto será de máis dun millón de euros, repartido da seguinte maneira: 312.000 euros para este ano, 536.000 euros para 2021 e 223.000 para o terceiro ano. As medidas de intervención deste medio aberto consisten en: asistencia nun centro de día, liberdade vixiada, prestacións en beneficio da comunidade ou permanencia de fin de semana no domicilio do menor.

As entidades privadas sen ánimo de lucro interesadas neste proceso contan desde hoxe cun prazo de 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes, que poderán ser formalizadas a través do documento dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre