Inicio Galicia Abré mañá unha nova convocatoria de iniciativa xove para apoiar proxectos pensados...

Abré mañá unha nova convocatoria de iniciativa xove para apoiar proxectos pensados e protagonizados pola Xente Nova

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a orde de subvencións para este ano de 2020, que conta cun orzamento global de 400.000 euros


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, reafirmou hoxe a aposta da Xunta de Galicia por proxectos nos que a xente nova participa de forma activa e directa en iniciativas pensadas por ela mesma e das cales é a auténtica protagonista. Co gallo da publicación da nove orde de axudas de Iniciativa Xove no Diario Oficial de Galicia (DOG), hoxe Cristina Pichel visitou as iniciativas desenvolvidas no marco da convocatoria do ano pasado no Centro de Promoción Rural da federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) Fonteboa. A directora xeral estivo acompañada do alcalde de Coristanco, Juan García.

Esta nova orde de achegas conta cun orzamento de 400.000 euros e está dirixida a fomentar a participación da xuventude en programas de aprendizaxe non formal que estimulen o seu espírito de liderado, creatividade e talento. Así mesmo, con estas axudas quérese favorecer a posta en práctica das ideas das mozas e mozos relacionadas co emprendemento e a empregabilidade.

Poderán optar a estas axudas grupos informais de mozos e mozas, asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, que teñen, a partir de mañá, un mes de prazo para solicitala. Só se poderán presentar un proxecto por solicitante e o seu presuposto total non poderá ser superior a 5000 euros.

Dinamización do ruralNa visita ao Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, Cristina Pichel valorou de maneira positiva os dous proxectos levados a cabo nestas instalacións no marco de Iniciativa Xove 2019, enfocados ao desenvolvemento do rural a través da innovación tecnolóxica e o apoio ao emprendemento da muller.

O primeiro dos proxectos, denominado AgroRoboTics, permitiu que unha trintena de rapaces e rapazas experimentaran coa robótica agrícola, que cada día está máis presente nas explotacións agrogandeiras nas que os robots xa realizan todo tipo de tarefas que antes eran manuais, como encargarse de arrimar a comida aos animais, do muxido, vixilancia de cultivos ou programación de rego, entre outras funcións. As persoas que participaron neste proxecto obtiveron capacitación en robótica, software e cultivo.

Na segunda das iniciativas realizadas no centro de EFA, impulsada por un grupo informal de mozas que estudan nel, participaron 15 rapazas que viven no medio rural e 20 estudantes de Secundaria do IES Palas de Rei, e tiña por obxecto potenciar modelos de emprego e emprendemento no rural protagonizados por mulleres. Nesta proposta, que se focalizou na comarca de Arzúa-Ulloa, realizáronse obradoiros sobre conciliación e corresponsabilidade e sobre veterinaria, ecoloxía e gandería; ademais dun coaching centrado no liderado empresarial. Tamén se visitaron empresas da zona dirixidas por mulleres.

Liñas prioritarias para este anoA convocatoria de Iniciativa Xove para este ano 2020 dará prioridade a propostas que fomenten o emprendemento; os hábitos saudables e a prevención de condutas de risco ou violentas, así como a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero; e a posta en valor do Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo.

Tamén se apoiarán iniciativas que favorezan actitudes creativas e innovadoras; a inclusión social e laboral de mozas e mozos nunha situación de vulnerabilidade; a participación das mulleres novas; a concienciación sobre o cambio climático, así como a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a dinamización do medio rural e o fomento do uso da lingua galega entre a mocidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre