Inicio Galicia Aberta a primeira convocatoria para consolidar proxectos a través da aceleradora do...

Aberta a primeira convocatoria para consolidar proxectos a través da aceleradora do sector alimentario

0

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá na presentación desta nova edición da Business Factory Food (BFFood)


A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá, por vía telemática, no Infoday de presentación da primeira convocatoria de consolidación da aceleradora Business Factory Food (BFFood), especializada no sector alimentario. Na súa intervención animou aos asistentes -empresas tractoras do sector, startups candidatas a participar na segunda fase da aceleradora e representantes do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga)- a seguir apostando pola innovación, se cabe, con maior motivo no contexto da pandemia actual, que ten demostrado o carácter esencial do sector alimentario.

Argerey destacou a importancia da innovación como factor de competitividade para unha industria que presenta un bo compartamento e potencial de crecemento. De feito, as exportacións alimentarias de Galicia superaron os 275 millóns de euros en marzo. Nesta liña, subliñou a relevancia de instrumentos como as aceleradoras para impulsar o emprendemento e o crecemento daquelas empresas e proxectos con potencial innovador. De aí o apoio da Xunta de Galicia á rede de aceleradoras a través da plataforma StartIN Galicia, que aglutina todas as medidas da Consellería de Economía, Emprego e Industria de impulso ao emprendemento innovador.

A directora de Gain destacou que o obxectivo dos proxectos que participan na aceleradora é achegar solucións ás necesidades da industria e incrementar a eficiencia no uso dos recursos dispoñibles. E puxo de manifesto a implicación de todo o sector, a través do Clúster Alimentario de Galicia que xestiona e coordina o programa de aceleración, de importantes empresas tractoras e centros de coñecemento que colaboran na iniciativa.

Sobre a I convocatoria de consolidación da BFFoodEsta primeira convocatoria de consolidación da Business Factory Food está aberta ata o 8 de xuño e terá unha duración de 12 meses. Os proxectos que queiran presentarse, a través da páxina web www.bffood.gal, deben ser empresas xa constituídas, con menos de seis anos de antigüidade, cun produto ou servizo definido e primeiras vendas xa realizadas.

Con motivo da situación xerada pola crise sanitaria da covid-19, incorpórase un novo reto a esta convocatoria de consolidación enfocado a buscar proxectos que poidan ser aplicables ao sector alimentario e á súa cadea de valor e que supoñan unha innovación, en sentido amplo, dirixida a fortalecer a resiliencia da industria alimentaria de Galicia fronte a situacións de emerxencia derivadas de pandemias, como a provocada polo coronavirus. Este novo reto súmase aos sete xa existentes nesta primeira convocatoria de consolidación, que son: trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; innovación de procesos e comercialización; e reto aberto. Ata seis proxectos poderán ser seleccionados nesta convocatoria de consolidación na que recibirán formación, mentoring, servizos técnicos, infraestruturas e financiamento.

Este programa de consolidación de BFFood conta co apoio fundamental de grandes empresas do sector, como Adegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Capsa Food (Larsa), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Congalsa, Galacteum, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira, que se encargarán do proceso de mentorización dos proxectos que resulten seleccionados.

Entre as entidades colaboradoras están, ademais, as tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Anfaco-Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e la Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), que forman parte do comité técnico. Pola súa parte, Gradiant, Coremain, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, ASM, Cesga, Asociación Área Empresarial do Tambre e Sigillum Knowledge Solutions integran o comité asesor da aceleradora.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre