Inicio Galicia A zona da Gándara mellora a súa clasificación microbiolóxica facilitando o traballo...

A zona da Gándara mellora a súa clasificación microbiolóxica facilitando o traballo ao sector marisqueiro

0

É a primeira vez en 20 anos que se clasifica como zona B, o que permite que o produto poida ser vendido previo paso por unha depuradora, sen ter que recorrer á depuración mediante o sistema de reinstalación en batea

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a confraría de pescadores de Ferrol, onde lle comunicou á patroa maior que a zona marisqueira da Gándara pasa a estar catalogada desde hoxe como B, polo que o marisco extraído dela poderá comercializarse directamente previo paso por unha depuradora. Ata o de agora estaba clasificada como C -polo que o produto extraído tiña que pasar polo proceso de depuración mediante reinstalación en batea- dados os elevados niveis de contaminación pola bacteria E. Coli detectados nas análises.

A titular de Mar, que estivo acompañada durante a visita pola directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, destacou que se trata dun fito importante pois é a primeira vez en máis de dúas décadas que esta zona -que chegou a estar pechada ao marisqueo durante seis anos- está catalogada como B, o que facilitará o traballo dos mariscadores acurtando os prazos de depuración e debería redundar nun mellor prezo dos seus produtos.

A última vez que os bancos da Gándara contaron con clasificación B foi entre 1993 e mediados de 1999, data na que pasou a declararse como zona C. O empeoramento dos resultados microbiolóxicos levou a que en 2013 se decidise excluír da clasificación esta zona, que estivo pechada ao marisqueo ata abril deste ano, cando a mellora nos resultados das análises permitiu reabrila á actividade novamente como zona C.

Durante a visita, na que se achegou á zona da Gándara, a conselleira do Mar lembrou o traballo de seguimento constante dos bancos marisqueiros que fai a Xunta a través do Intecmar, o que permite coñecer o seu estado e ver o xeito de mellorar a súa produción. Tamén incidiu en que a mellora na clasificación é o froito dun camiño “longo e complicado” con numerosas actuacións para rexenerar os bancos e mellorar o saneamento da ría. Investimentos O Executivo galego leva investidos preto de 100 millóns de euros desde 2014 nestes traballos de saneamento da ría de Ferrol, entre os que se inclúe o saneamento da marxe norte, na que só falta a execución da enseada da Malata. Esta actuación vaina realizar Augas de Galicia e conta cun orzamento de 7,2 millóns de euros. Mentres, na marxe sur a Xunta xa completou as obras dos colectores xerais e da EDAR de punta Avarenta, nas que investiu 75 millóns de euros.

A conselleira do Mar asegurou que o Executivo galego seguirá con esta liña de traballo co obxectivo de “facilitar a vida dos nosos mariscadores e dos centos de familias que dependen deles”. Só na confraría de Ferrol hai preto de 200 profesionais que traballan no marisqueo a pé e a flote, uns empregos que roldan o medio milleiro no conxunto da ría de Ferrol.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre