Inicio Galicia A Xunta xerou dende 2019 máis de 65.000 notificacións para que os...

A Xunta xerou dende 2019 máis de 65.000 notificacións para que os concellos as remitisen aos particulares que incumpren as súas obrigas de xestión da biomasa preto das vivendas

0

Nas 157 parroquias priorizadas -de 81 concellos- xestionáronse xa 177.000 parcelas con 9.800 hectáreas, o que supón case o 66% dos predios e algo máis do 64% da súa superficie total, no marco do convenio de protección das aldeas

A Xunta xerou entre 2019 e 2020 un total de 65.562 notificacións para que os concellos as remitisen aos particulares que incumpren a obriga de limpar as faixas próximas ás vivendas, nas parroquias priorizadas dentro do convenio de protección das aldeas asinado entre a Consellería do Medio Rural, a empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Así o adiantou esta tarde o conselleiro José González no pleno do Parlamento, en resposta a unha interpelación sobre os incendios forestais.

O titular de Medio Rural salientou que nestas 157 parroquias -situadas en 81 concellos con especial incidencia de incendios- lévanse xa xestionadas, ao abeiro deste convenio, un total de 177.033 parcelas, cunha superficie conxunta de 9.710,52 hectáreas. Isto supón que están xestionadas ou en proceso de xestión (contratadas) case o 66% das parcelas destas parroquias e algo máis do 64% da súa superficie total. Isto representa, en definitiva, que dous terzos das franxas están xestionadas, destacou o conselleiro. Tendo en conta estas cifras, González trasladou que amosan o bo camiño na concienciación cidadá sobre a importancia de ter limpas as parcelas máis próximas ás vivendas, para protexer os bens e as persoas.

O conselleiro enmarcou todos estes labores na prevención dos lumes, un ámbito no que tamén destacou que a Xunta está a mobilizar case 13.000 hectáreas de terra agraria e forestal mediante as axudas para accións silvícolas e a través do plan de pastoreo actualmente en desenvolvemento. Estas medidas, apoiadas cun investimento conxunto que supera os 28 millóns de euros, aos que lle hai sumar os 30 millóns do plan específico de prevención posto en marcha este ano, perseguen entre outros obxectivos crear descontinuidades para anticiparse aos incendios forestais. Así, José González explicou que en canto ás accións silvícolas, na última convocatoria destas achegas investíronse 18,6 millóns de euros, distribuídos entre un total de 525 beneficiarios, cunhas actuacións que abrangueron algo máis de 10.500 hectáreas. Con respecto ao plan de pastoreo, o conselleiro sinalou que esta iniciativa, xa iniciada, permitirá chegar ata 2.250 hectáreas, cun investimento superior aos 9,5 millóns de euros. José González vinculou estes labores con outras ferramentas de mobilización da terra, como son as aldeas modelo ou os polígonos agrogandeiros e forestais, así como a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria. Esta norma, remarcou, ten como obxectivo mobilizar 10.000 hectáreas cada ano en toda Galicia, seguindo tamén un bo número de recomendacións do ditame da Comisión parlamentaria sobre incendios, destacou o conselleiro.

Causas, consecuencias e melloras no ServizoJosé González centrou a súa intervención parlamentaria en debullar as causas e as consecuencias dos incendios, así como en analizar a situación e melloras introducidas no Servizo de Prevención e Defensa contra os lumes da Xunta. En relación coas causas, o conselleiro reiterou que este é, fundamentalmente, un problema de “orde pública”, xa que tres de cada catro lumes en Galicia son intencionados. Isto púxose de manifesto, indicou, nos últimos incendios rexistrados en Ourense, porque advertiu que “cando alguén prende un lume en condicións climatolóxicas extremas, como as que se deron dende o 12 ao 17 de setembro nesa provincia, con intención ademais de causar o maior dano posible, é un delincuente”.

Esta intencionalidade -advertiu González- é recoñecida tanto polos alcaldes de calquera cor política como polos veciños afectados, sendo tamén acreditada polos investigadores, partindo de datos como o elevado número de lumes rexistrados en apenas seis días e o feito de que moitos deles se iniciaran de noite, cando os medios aéreos non poden actuar, e mesmo en varios focos simultáneos.

O conselleiro tamén puxo unha vez máis en valor o traballo dos profesionais que loitan contra o lume en Galicia e reclamou respecto para eles por parte de todas as forzas políticas e da cidadanía en xeral. Lembrou que o seu esforzo, combinado co das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e coa colaboración cidadá, está dando os seus froitos, coa localización e identificación de ata seis presuntos incendiarios na pasada campaña de alto risco, algúns deles mesmo collidos in fraganti. A maiores, González destacou, como mostra da eficacia do operativo, que o seu tempo de reacción acada unha media de 20 minutos dende que se ten coñecemento da existencia do lume e que a taxa de conatos é de case o 75% por cento en relación co total dos incendios. Uns bos datos que, dixo, tamén teñen que ver coas melloras introducidas polo actual Goberno galego, como son a incorporación ao servizo de 500 operarios que ata o 2017 dependían de Seaga ou o incremento do tempo mínimo de traballo de tres a seis meses para case mil membros do dispositivo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre