Inicio Galicia A Xunta xa traballa coas federacións na identificación de situacións de contaxio...

A Xunta xa traballa coas federacións na identificación de situacións de contaxio da covid-19 no deporte galego

0

En palabras do secretario xeral, “hoxe comezamos unha tarefa moi importante, moi útil e moi produtiva” para que o deporte galego comece a súa reactivación


Santiago, 22 de maio de 2020-. A Secretaría Xeral para o Deporte, no nome do seu titular, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza de traballo no día de hoxe coas 58 federacións deportivas galegas para abordar a ferramenta de identificación de situacións deportivas de contaxio da covid-19 no deporte galego -FISICOVID-19 DXTGALEGO-. Nesta nova reunión coral, ademais das reunións por grupos de federacións segundo as similitudes da súa práctica deportiva e con cada federación en particular, as 58 entidades deportivas de Galicia debateron coa Xunta sobre as categorías de diagnose de situación de contaxio e sobre a estrutura da plataforma para comezar a valorar as primeiras situacións de contaxio, estudalas e axustar a ferramenta para o seu óptimo uso. Lete Lasa puxo a disposición das federacións deportivas “todo o apoio e asesoramento necesarios para construír esta ferramenta de modo conxunto”. “Hoxe comezamos unha tarefa moi importante, moi útil e moi produtiva” para que o deporte galego comece a súa reactivación, dixo.

Ademais, a Xunta de Galicia traballa nun titorial da propia ferramenta que lle remitirá ás federacións deportivas nos vindeiros días para a súa aplicación inmediata. Este manual ten como obxectivo a identificación de situacións potenciais de contaxio da covid-19 tanto na práctica libre e adestramentos como na competición, atendendo ás vías recoñecidas ata o momento polas autoridades sanitarias. En segundo lugar, a análise as posibilidades de tratamento das diferentes situacións por parte do tecido deportivo. E, en terceiro lugar, a proposta de medidas de tratamento do risco de contaxio adaptadas á casuística, e que formen parte dun protocolo, a supervisar con posterioridade, de ser necesario, polas autoridades pertinentes. O titorial incorpora unha serie de indicacións sobre os pasos a seguir para recoller todas as situacións posibles de contaxio e propoñer medidas de tratamento destas situacións.

En palabras de Rafa Martín Acero, catedrático da Universidade da Coruña e doutor en Educación Física que forma parte do grupo de expertos que traballan no Plan de Reactivación do Deporte Galego, “a crise que estamos a vivir aseméllase a unha catástrofe natural polo que temos que activar medidas de reconstrución e aceleración”. No caso do deporte galego, a resiliencia dinámica -velocidade da volta á normalidade- deberá deseñar programas para a reapertura, co valor engadido de minimizar riscos, para a readaptación, así como para a resistencia e a reconstrución. Un traballo que debe realizarse, dixo, con “lealdade entre administración e entidades, compromiso das persoas implicadas, disciplina e rigor no traballo”. Na xuntanza tamén participaron outros doutores en Educación Física membros do grupo de expertos como Joaquín Varela ou Dan Río, que ademais conta coa experiencia de ter sido deportista galego de alto nivel.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre