Inicio Galicia A Xunta xa dispón dun 100% de colexios electorais que cumpre as...

A Xunta xa dispón dun 100% de colexios electorais que cumpre as medidas do protocolo para o 12 de xullo tralo traballo dos coordinadores de prevención

0

Durante estes días, comprobouse que o 95% dos locais electorais xa cumprían de inicio as condicións e buscouse unha ubicación alternativa para os que non


Os coordinadores de prevención da Xunta para a xornada electoral do próximo 12 de xullo veñen de rematar a inspección dos 2.405 locais electorais galegos.

Durante a semana pasada, comprobouse que 2.280 locais -case o 95%- cumprían xa de inicio coas condicións do Protocolo da Xunta e buscouse unha ubicación alternativa para os 125 que non estaban en condicións de cumprila segundo as inspeccións.

Deste modo, a día de hoxe e case un mes antes da xornada electoral, o 100% dos locais designados contan coas características necesarias para cumprir coas medidas de seguridade.

O traballo dos 133 representantes da Administración desenvolveuse en colaboración fluída e total cos concellos, tanto á hora de facer as inspeccións como nos casos nos que foi necesario buscar locais alternativos.

A semana antes das eleccións haberá unha segunda revisión de todos os locais para facer unha última comprobación de que cumpren coas medidas sanitarias logo da instalación do mobiliario para a votación. Ademais, durante o 12 de xullo, os representantes da Administración tamén se achegarán a visitalos para comprobar que se están seguindo as medidas do Protocolo.

Todos os profesionais que se están ocupando destas tarefas contan con formación técnica, con titulacións como arquitecto superior ou técnico ou enxeñeiro superior ou técnico, ou con formación suficiente en prevención de riscos laborais. Recibiron previamente formación específica para as inspeccións dos locais e están sometidos á unha dirección única desde a Xunta.

Protocolo sanitario para o 12 de xulloO Protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo aprobado pola Xunta conta co visto bo de saúde pública e do comité clínico.

Entre outras medidas, establece que será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto. A Xunta porá a disposición dos locais electorais o material de protección necesario para poder cumprir estas pautas.

O Protocolo tamén establece que se deberán evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade dentro dos locais electorais: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección. Nesta mesma liña, tamén se organizará a entrada dos votantes, que deberán acceder por norma xeral de forma individual. Priorizarase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.

En todos os locais, colocarase cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Tamén se intensificará a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas.

Todo o custo adicional que suporá a implantación destas medidas (material de protección, limpeza, control dos accesos, instalación de cartelería…) correrá a cargo da Xunta en tanto é a administración organizadora.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre