Inicio Galicia A Xunta volveu adiantar este mes o pagamento de 649.000 euros da...

A Xunta volveu adiantar este mes o pagamento de 649.000 euros da Risga ás 1.433 persoas beneficiarias da provincia de Lugo

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se abonou con case unha semana de antelación igual que en abril, para garantir que os perceptores poidan contar cos ingresos máis axiña no actual contexto derivado da crise sanitaria

A Xunta de Galicia volveu adiantar este mes o abono da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) ao conxunto dos beneficiarios da provincia de Lugo. En maio percibiron esta renda 1.433 persoas e o importe total ascendeu a 649.030 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que, igual que se fixera en abril, o pagamento realizouse case unha semana antes do final do mes para que os perceptores poidan contar cos ingresos máis axiña, dado o contexto social e económico derivado da situación de emerxencia sanitaria por mor da covid-19.

Esta medida foi incluída no Plan social de continxencia da Administración galega para aliviar a economía doméstica dos fogares máis vulnerables. Tamén se flexibilizou a tramitación da prestación, tanto para os beneficiarios como para os servizos sociais de base.

A renda de inclusión social de Galicia é unha prestación pública destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, así como a acadar progresivamente a súa autonomía e integración social e laboral, mediante a participación en procesos personalizados de inserción con apoio técnico e financeiro do Sistema galego de servizos sociais e do Sistema público de emprego de Galicia.

A Risga en canto prestación económica, ten carácter alimenticio, percíbese con carácter persoal e non transmisible, e non poderá ser obxecto de embargo ou retención nin darse en garantía de obrigas.

A solicitude desta prestación de apoio, previo estudo das condicións persoais e do cumprimento dos requisitos económicos e sociais, debe efectuarse ante os servizos sociais comunitarios básicos do concello de residencia ou na xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia da que se trate.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre