Inicio Galicia A Xunta volve reclamar ao CSD unha reunión urxente para abordar as...

A Xunta volve reclamar ao CSD unha reunión urxente para abordar as medidas que garantan a saúde dos deportistas nas competicións estatais non profesionais

0

A Orde do 30 de setembro de 2020 esixe "test serolóxicos ou outras probas similares" tanto aos equipos e deportistas galegos como aos equipos e deportistas procedentes doutras comunidades nas modalidades deportivas que poidan implicar contacto

A Secretaría Xeral para o Deporte volveu a estar representada na mañá de hoxe nunha nova xuntanza virtual convocado polo Consejo Superior de Deportes para tratar os límites de aforos de público nas competicións. Neste sentido, o CSD fracasou de novo na procura de consenso para trasladar á UEFA a decisión de que nas competicións internacionais non haxa público.

No transcurso da videoconferencia, a Xunta de Galicia volveu reclamar unha reunión urxente para analizar a evolución das competicións non profesionais e, sobre todo, a necesidade da adopción de medidas para garantir a saúde dos deportistas.

O problema segue a ser que o protocolo para o regreso das competicións oficiais de ámbito estatal e carácter non profesional, elaborado polo CSD, non esclarece “aspectos como o tipo de proba a realizar, o seu financiamento, a evolución da súa utilidade e se se deben realizar máis dunha vez con posterioridade”, deixando estas consideracións da man do Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud.

A Xunta de Galicia, a nivel autonómico xa resolveu este problema coa aprobación da Orde do 30 de setembro de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid-19. A devandita orde esixe “test serolóxicos ou outras probas similares” tanto aos equipos e deportistas galegos como aos equipos e deportistas procedentes doutras comunidades no ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre