Inicio Galicia A Xunta urxe unha reunión coa ministra para a Transición Ecolóxica para...

A Xunta urxe unha reunión coa ministra para a Transición Ecolóxica para clarificar a modificación do regulamento de Costas que afectaría a preto de 5.000 edificacións en Galicia

0

O Goberno autonómico envía unha carta ao Ministerio ante a falta de resposta á misiva remitida hai uns días ao secretario de Estado de Medio Ambiente solicitando que viñera a Galicia a explicarlle a proposta aos principais colectivos e administracións afectadas

A Xunta de Galicia reitera a solicitude ao Goberno central dun encontro entre ambas administracións para clarificar dúbidas e analizar a incidencia e as inquedanzas suscitadas pola proposta de modificación do regulamento da Lei de Costas, que segundo as estimacións do Instituto de Estudos do Territorio afectaría en Galicia a preto de 5.000 edificacións localizadas, íntegra ou parcialmente, no dominio público marítimo terrestre.

As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, veñen de enviar unha misiva á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, solicitando de novo unha xuntanza “entre ambas administracións no menor tempo posible” e amosando a súa disposición a desprazarse a Madrid na data que fixe o Ministerio, a pesar de que o amplo número de instalacións e servizos afectados que existen en Galicia “motivaría unha máis convinte reunión na nosa comunidade”.

Ambas conselleiras remiten esta carta á ministra despois de enviar unha primeira misiva o pasado 11 de abril ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e non obter resposta. Neste primeiro escrito, as conselleiras solicitaron ao secretario de Estado unha xuntanza en Galicia coas entidades e administracións afectadas co fin de transmitirlles de primeira man a información precisa que manexa a Secretaría de Estado de Medio Ambiente sobre este asunto e de clarexar a situación de perigo e inseguridade xurídica na que quedan as empresas e equipamentos que na actualidade se atopan en dominio público marítimo terrestre.

Así, nesta segunda carta que agora a Xunta dirixe á ministra para a Transición Ecolóxica, as titulares de Medio Ambiente e de Mar sinalan que “a ausencia de resposta e o inexistente traslado desa información por parte do seu departamento” imposibilitou unha explicación adicional á dos servizos técnicos do Executivo autonómico. Nesta liña, as conselleiras fan fincapé en que “a única comunicación pública realizada polo Goberno do Estado nesta materia foi a través dun comunicado de prensa da Delegación do Goberno en Galicia que non aportou nada neste sentido, xa que carecía de argumentación xurídica e baseábase en cuestións xenéricas que incluso incrementaron a preocupación dos posibles afectados”.

Neste segundo escrito tamén lembran que a modificación que propón o Executivo central implica, entre outros aspectos, reducir a duración da prórroga legal extraordinaria, pois pretende que o prazo concesional extraordinario fixado en 75 anos se contabilice desde a data inicial da concesión, e non desde cando foi tramitada a súa renovación. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre