Inicio Galicia A Xunta urxe ao Ministerio de Transportes a concretar o "como, cando...

A Xunta urxe ao Ministerio de Transportes a concretar o "como, cando e canto" das bonificacións da AP-9 anunciadas nos Orzamentos do Estado, os peores para Galicia en 15 anos

0
image_gallery.jpg

Vázquez Mourelle defende o dereito dos galegos a coñecer como se van materializar esas rebaixas, xa que a única certeza é que Audasa seguirá gañando


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, urxiu hoxe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana concreción sobre as bonificacións para a autoestrada AP-9 recollidas nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, “os peores para Galicia en 15 anos”, subliñou.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Vázquez Mourelle defendeu o dereito dos galegos a recibir unha explicación de como, cando e canto van supoñer esas rebaixas e a quen van beneficiar. Porque do contrario, e tendo en conta os antecedentes, dixo, “pódese empezar a pensar que se trata dun anuncio co que se quere agochar a realidade dun dos peores presupostos do Estado para Galicia da historia”, remarcou.

A titular do departamento de Infraestruturas da Xunta sinalou que as únicas certezas deste “anuncio inconcreto” son que Audasa vai seguir gañando o mesmo e que a autoestrada Santiago-Ourense queda fóra das bonificacións.

A conselleira fixo fincapé nas principais interrogantes con respecto ao anuncio da rebaixa das peaxes. Entre eles, citou o descoñecemento sobre o tipo de viaxes que se quere bonificar, cales son os usuarios que se van beneficiar, se se aplicará a todos os condutores, ou se vai deixar fóra aos transportistas que prestan un servizo esencial.

Indicou que tamén se descoñece o significado das bonificacións supeditadas aos niveis de tráfico que xeren, e se isto pode supoñer que se vai seguir pospoñendo a liberación da peaxe de Redondela. Tampouco se sabe se o Goberno de España comezou a tramitar os Reais Decretos a través dos que debe materializar as bonificacións.

Ethel Vázquez salientou que os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 presentados polo Executivo central supoñen una diminución de máis de 100 millóns de euros dos investimentos en Galicia, con máis do 11% de baixada con respecto aos orzamentos vixentes desde o 2018.

Lembrou, ademais, que o investimento territorializado baixa ata o 6,6% do total estatal. A este respecto, puxo o acento en que a pesar de que os Orzamentos Xerais aumentan, “Galicia ten o dubidoso privilexio de estar entre as cinco comunidades autónomas de España en que os investimentos baixan”.

Vázquez Mourelle criticou o déficit incuestionable en materia de infraestruturas en Galicia, “que segue sen AVE e parece que aínda non vai chegar na data que acaba de dar o Ministro de Transportes”, indicou.

Para a responsable de Infraestruturas da Xunta, os Presupostos Xerais do Estado consolidan o “flagrante desequilibrio” a favor do Corredor Mediterráneo en detrimento do Corredor Atlántico e recriminou que para o Executivo central non pesen igual as necesidades dos portos de Barcelona ou Valencia que as dos portos galegos.

Destacou a ausencia de consignación orzamentaria para desenvolver a conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña, un proxecto maduro con opcións de optar a cofinanciamento do Fondo de Reconstrución ou do Mecanismo Conectar Europa. E advertiu que, de non iniciarse a curto prazo esa actuación, a Declaración de Impacto Ambiental que a fai viable perderá a súa vixencia.

A conselleira tamén sinalou que as contas presentadas para 2021 polo Executivo central tampouco apostan pola Saída Sur de Vigo e pola conexión ferroviaria da terminal de Bouzas. Dúas infraestruturas estratéxicas para a competitividade do porto, do tecido empresarial da área de Vigo e para a comunicación en alta velocidade co Norte de Portugal, salientou.

Referiuse a ausencias significativas de investimentos en infraestruturas nas cidades galegas, como é o caso da autovía Vigo-O Porriño, tendo en conta que a actual estrada é a que rexistra máis sinistralidade de toda España. No caso das infraestruturas vinculadas á AP-9, a conselleira lembrou que as contas se esquecen de actuacións tan agardadas e necesarias como a ampliación da avenida de Alfonso Molina, a Ponte Pasaxe e o Vial 18 na Coruña, así como a transformación en urbano do treito de autoestrada en Vigo.

A conselleira censurou que os Orzamentos Xerais de 2021 “borren dun plumazo” toda previsión de investimento na autovía Lugo-Ourense, na autovía da Mariña ou na autovía Ourense-Ponferrada, mentres postergan o remate da autovía Santiago-Lugo máis alá do Xacobeo 21, en contra do que Galicia viña demandando.

En palabras de Ethel Vázquez, “todas esas ausencias non as tapan os fogos de artificio dun anuncio inconcreto de bonificacións na AP-9 que xera máis dúbidas que certezas”, concluíu.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre