Inicio Galicia A Xunta trasladará á Comisión Hispano Lusa a proposta dos concellos transfronteirizos...

A Xunta trasladará á Comisión Hispano Lusa a proposta dos concellos transfronteirizos para crear unha autovía ata A Gudiña

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuníronse con alcaldes de ambos lados da “raia” que solicitan unha conexión internacional por autovía entre o nordeste de Portugal e a estación do AVE da Gudiña

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuníronse hoxe con alcaldes de concellos transfronteirizos que reclaman ao Goberno central á creación dunha conexión internacional por autovía entre o nordeste de Portugal e a estación do AVE da Gudiña, onde acordaron que o Goberno galego dará traslado desta proposta á Comisión Hispano-Lusa para a Cooperación Transfronteiriza. Á reunión tamén acudiu o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen trasladou tamén o apoio do ente provincial á esta demanda conxunta.

Alfonso Rueda sinalou que a conexión que demandan os alcaldes contribuiría a reforzar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e facilitaría o acceso directo á liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid. Os rexedores dos dous lados da “raia” instan ao Goberno de España que aprobe a construción do treito da autovía ata a estación do AVE da Gudiña que corresponde á parte ourensá e, por tanto, ao territorio nacional. No que se refire á postura do Executivo portugués, aclararon, que xa lles manifestara o seu interese por esta conexión da que tería que asumir a maior parte do treito.

Este encontro dá continuidade á xuntanza celebrada o pasado setembro na que os alcaldes presentaron a súa proposta á Xunta para demandar o seu apoio na promoción da iniciativa ante o Goberno central. Esta nova reunión afianza a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para reclamar mellores infraestruturas que faciliten a mobilidade na Eurorrexión.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reiterou que o Ministerio de Fomento debe cumprir os prazos para que a conexión de AVE a Madrid estea en probas antes de finais deste ano e funcionando con todas as garantías de seguridade en 2020. Destacou que a finalización do AVE é un obxectivo de país irrenunciable que debe ir acompañado da dotación de trens de última xeración para aproveitar ao máximo as potencialidades a alta velocidade.

Subliñou que ante a chegada do AVE resulta positiva a alianza dos alcaldes da área da Gudiña e representantes da comarca portuguesa de Tras-os-Montes para sacarlle a máxima rendibilidade a través dunha nova conexión internacional por autovía entre o nordeste de Portugal e a futura estación da Gudiña.

Salientou que esta autovía sería clave para lograr que a estación de tren da Gudiña sexa unha verdadeira porta de Galicia ao AVE e convertería a este municipio ourensán nun nó de comunicacións de transporte ferroviario de viaxeiros da Eurorrexión, coas oportunidades que isto podería abrir para os territorios de ambos os lados da Raia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre