Inicio Galicia A Xunta trasládalle ao Concello de Vigo as principais conclusións do seu...

A Xunta trasládalle ao Concello de Vigo as principais conclusións do seu informe urbanístico sobre o borrador do PXOM

0

Tras cumprir este trámite, Medio Ambiente estará en disposición de formular xa o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico a finais deste mes

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) vén de emitir o informe no que analiza desde un punto de vista urbanístico o contido do borrador do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo.

Así o trasladou esta mañá a responsable do departamento autonómico, Encarnación Rivas, na reunión convocada polo Concello vigués co fin de constituír a Comisión de Seguimento encargada de analizar a evolución dos traballos de revisión do PXOM e o calendario de tramitación. A creación deste órgano estaba prevista no segundo convenio de colaboración subscrito entre ambas administracións para o cofinanciamento do novo plan, que inclúe unha achega económica por parte da Xunta de máis dun millón de euros.

En canto ao informe autonómico en materia de urbanismo, céntrase, en liñas xerais, en aspectos técnicos do borrador que deberán ser revisados, como a información achegada respecto das redes de servizos existentes nos ámbitos cualificados como solo urbano, a adaptación plena do seu contido á Lei do Solo en canto á clasificación e categorización do solo rústico, ou a articulación de determinados aspectos relativos aos espazos costeiros do municipio ao modelo territorial do Plan de Ordenación do Litoral (POL).

Axilización dos trámitesCoa emisión do informe da DXOTU, a Xunta de Galicia continúa axilizando, dentro das súas competencias, a tramitación do novo planeamento de Vigo, despois de que o Concello lle remitira pouco antes do verán o Documento Inicial Estratéxico e o borrador do PXOM para que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puidera iniciar o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Así, unha vez realizadas as consultas correspondentes á DXOTU, o órgano ambiental autonómico está xa en disposición de formular o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, que, como mínimo, incluirá todas aquelas administracións públicas que deban emitir informe sectorial de conformidade coa lexislación aplicable.

Para cumprir con este trámite, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático dispón legalmente dun prazo de dous meses, que se cumpren a comezos de outubro. En todo caso, a previsión da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é poder contar co documento de alcance sobre o PXOM vigués a finais deste mesmo mes.

Seguidamente, o Concello de Vigo elaborará o estudo ambiental estratéxico atendendo aos criterios contidos no devandito documento de alcance e á lexislación vixente.

Cómpre lembrar que o urbanismo é unha competencia municipal, tal e como se recolle na Lei do Solo, que contén unha decidida aposta pola autonomía municipal e incrementa a confianza nas administracións locais. É dicir, son os propios concellos os promotores deste tipo de iniciativas e os que se encargan de deseñar o seu PXOM de acordo co modelo urbanístico que desexan.

En todo caso, o Executivo autonómico está sempre a carón dos concellos no impulso da tramitación e aprobación do planeamento que permita que todos dos concellos conten cun instrumento de calidade nun prazo razoable, cara a un urbanismo responsable.

Tendo isto en conta, será o Concello de Vigo o que nos próximos meses deberá aprobar inicialmente o novo planeamento e sometelo a información pública. Cando remita ese documento novamente á Xunta, esta poderá recabarlle, en tres meses, todos os informes sectoriais de competencia autonómica, de xeito que o concello só terá que pedir os estatais.

Finalizado este período e unha vez integrado o resultado do mesmo no documento, o Goberno local solicitará -antes da aprobación provisional do PXOM- a emisión da Declaración Ambiental Estratéxica, que pon fin ao trámite ambiental por parte da Xunta.

Colaboración e apoio aos concellosO Executivo galego sempre colabora, supervisa e apoia, económica e tecnicamente, o traballo dos concellos ata acadar a aprobación definitiva dos seus respectivos plans. Grazas a este labor, 109 municipios contan xa cun PXOM adaptado á normativa urbanística vixente.

No caso concreto de Vigo, a Xunta traballou desde o primeiro momento para dar unha solución á situación urbanística da cidade olívica, logo da anulación por parte do Tribunal Supremo do PXOM de 2008. Desde entón, defendeu que a única solución definitiva á situación urbanística de Vigo era a aprobación dun novo plan xeral e con ese obxectivo tendeu a man ao consistorio vigués, impulsando outro convenio de colaboración para redactar o novo plan (o segundo, xa que a Administración autonómica xa contribuíra á redacción do PXOM anulado por unha sentencia do ano 2015).

Ademais, o Goberno galego ofreceu respostas provisionais e urxentes para evitar o parón urbanístico da cidade olívica, como a aprobación da Lei 3/2016, de 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, para aportar unha solución a proxectos de especial interese levados a cabo polas administracións, como a ampliación da Zona Franca, o Ifevi ou a Estación Intermodal.

Tamén impulsou un ano despois a redacción da Lei de medidas provisionais de ordenación urbanística, solución legal e amparada xuridicamente para permitir que certas zonas puideran seguir evolucionando a través dunha ordenación provisional, capaz de garantir o desenvolvemento económico das iniciativas de pequenos empresarios e particulares.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre