Inicio Galicia A Xunta trasládalle ao alcalde de Ponte Caldelas a modificación do proxecto...

A Xunta trasládalle ao alcalde de Ponte Caldelas a modificación do proxecto sectorial da Cidade do Transporte

0

O obxectivo é adaptalo ás necesidades actuais e potenciar a oferta de solo empresarial dispoñible na zona de Pontevedra

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, para explicarlle os cambios que este organismo prevé introducir no proxecto sectorial da Cidade do Transporte deste municipio pontevedrés, co fin de adaptalo ás necesidades actuais e potenciar a oferta de solo empresarial na zona de Pontevedra. O alcalde mostrouse partidario da modificación prevista.

Con esta modificación do proxecto da Cidade do Transporte de Ponte Caldelas -iniciada recentemente- búscase adaptar a súa configuración e normativa co obxectivo de dinamizar a implantación de novas empresas ou o traslado e ampliación doutras xa existentes e que necesiten solo urbanizado para o desenvolvemento dos seus proxectos.

Esta modificación incidirá na parcelación e usos das parcelas, así como en cuestións puntuais como a aliñación das naves que se constrúan nas mesma ou na mellora dos servizos e dotacións dos terreos do parque empresarial.

Actualmente a Xunta dispón no Concello de Ponte Caldelas do polígono da Reigosa e da Central de Transportes, que se atopan pegadas. No caso da Reigosa, están dispoñibles 14 parcelas cunha superficie total de máis de 136.000 metros cadrados, mentres que a Central de Transportes ofrece máis de 37.000 metros cadrados de solo industrial. Nos dous casos a bonificación aplicada pola Xunta sobre o prezo de venda inicial é do 30 por cento.

Cómpre lembrar que desde o ano 2016 a Xunta adxudicou preto de 38.000 metros cadrados de solo bonificado en Ponte Caldelas, cun aforro para as empresas beneficiadas de preto de 950.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre