Inicio Galicia A Xunta traslada ás empresas e aos sindicatos o protocolo de prevención...

A Xunta traslada ás empresas e aos sindicatos o protocolo de prevención fronte á covid no autobús compartido para blindar a seguridade dos usuarios ante o inicio do curso

0
image_gallery.jpg

Vázquez Mourelle asegura que estas medidas farán do autobús compartido o medio de transporte público máis seguro, con normas máis exixentes que no autobús urbano, no tren ou no avión


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanza que a Xunta lle vén de trasladar ás empresas e aos sindicatos o protocolo de prevención fronte á covid no autobús compartido para blindar a seguridade dos usuarios ante o inicio do curso.

Vázquez Mourelle subliñou que a Xunta continúa traballando no incremento dos servizos de autobús a través do Plan de Transporte Público, prestando especial atención, nos últimos meses, ás medidas para evitar contaxios.

Indicou que para reforzar aínda máis a seguridade no transporte compartido se redactou este protocolo, avalado polo Instituto de seguridade e saúde laboral de Galicia, que será abordado esta semana nunha reunión coa patronal.

Fixo fincapé en que estas normas permitirán que o transporte compartido sexa o máis seguro de todos os medios, con medidas máis exixentes das que rexen no autobús urbano, no tren ou no avión.

O protocolo inclúe medidas de prevención que xa se aplican no transporte público, como o uso de máscara e de xel hidroalcohólico, separación dos usuarios nas paradas, ventilación frecuente ou desinfección dos autobuses.

Ademais o documento incorpora medidas específicas para o autobús compartido como a separación dos asentos dos escolares dos que empreguen o resto de usuarios, reservando as prazas dianteiras para as persoas maiores, por ser as que teñen unha maior ventilación.

Tamén se introducen normas para o acceso e baixada dos autobuses, sempre pola porta dianteira. Os escolares ocuparán as prazas de atrás cara adiante e na medida do posible, sempre o mesmo asento e no caso de alumnos que conviven, sentarán xuntos.

Mellora da estación de autobuses de NoiaA responsable de Infraestruturas sinalou que ese protocolo forma parte da aposta da Xunta polo transporte público, algo que tamén se plasma na mellora que a Xunta vén de acometer na na estación de autobuses de Noia. Esa reforma xa finalizada, supuxo un investimento da Xunta superior aos 270.000 euros.

Explicou que estes traballos se suman aos realizados en 2017 nesta mesma estación, e que incluíran o acondicionamento da fachada, cun investimento de 180.000 euros, de tal forma que se culmina un gasto total de máis de 450.000 euros na mellora da terminal de Noia.

A actuación que vén de rematar consistiu na consolidación do terreo da cimentación, pois a estación foi construída en 1993 e está asentada sobre recheos e depósitos de marisma. Realizouse un estudo xeotécnico que aconsellou aumentar a resistencia do terreo, reforzando a soleira para corrixir e evitar o seu movemento.

Ademais, actuouse sobre a cuberta, reforzáronse as baixantes de pluviais e instalouse unha nova caldeira, para unha maior eficiencia e aforro enerxético.

O proxecto incluíu, tamén, o pintado dos paramentos interiores e a mellora das carpinterías metálicas e selados das instalacións, colocando peches de vidro nos locais comerciais para mellorar a seguridade e fomentar o seu uso.

Así mesmo acometéronse melloras na accesibilidade e colocouse un cartel identificativo e unha pantalla de información aos usuarios na que poidan ver os avisos ou os horarios do autobús.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre