Inicio Galicia A Xunta traslada aos concellos que o Plan de transporte público está...

A Xunta traslada aos concellos que o Plan de transporte público está aberto á participación municipal con bonos para colectivos específicos ou liñas de autobús locais

0

A Dirección Xeral de Mobilidade ofrece asesoramento ás administracións locais que estean interesadas en manter as actuais iniciativas de transporte público ou pór en marcha novas medidas


A Xunta vén de trasladarlles aos concellos galegos que o Plan de transporte público está aberto á participación municipal a través de bonos para colectivos específicos ou liñas de autobús locais.

O director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, dirixiuse por escrito aos municipios galegos para convidalos a colaborar coa Xunta para proporcionarlles aos cidadáns os mellores servizos de autobús posible.

No seu escrito, sinala que todas as iniciativas locais destinadas a reforzar a utilidade e o atractivo do transporte público, tales como os servizos de interese municipal ou os bonos activados polos concellos para colectivos cidadáns específicos, terán perfecto encaixe no Plan de transporte público que está a desenvolver a Xunta de Galicia.

A Dirección Xeral de Mobilidade ofrece o seu asesoramento aos concellos que estean interesados en manter as actuais iniciativas municipais de fomento do transporte público, así como dos que desexen explorar novas vías de colaboración que xa están previstas nos contratos que se licitarán proximamente.

Ignacio Maestro lembra que o proceso en marcha para renovar todas as concesións de servizos regulares de autobús interurbano de Galicia constitúe unha oportunidade inédita para mellorar o transporte público que todas as administracións deben aproveitar, coa maior implicación posible, para acadar o maior beneficio para a cidadanía.

As concesións de servizos de autobús interurbano de Galicia perderán a súa caducidade neste ano 2019, motivo polo que a Xunta está inmersa nunha reordenación integral do mapa de liñas a través da elaboración do Plan de transporte público de Galicia.

Segundo explica o director xeral de Mobilidade, o obxectivo deste proceso é cumprir coa regulación que emana da Unión Europea e, sobre todo, acadar un sistema de transporte público capaz de responder de xeito máis eficaz e eficiente ás necesidades de mobilidade dos galegos ao longo da vindeira década.

No seu escrito, Maestro expón que “contar cun transporte público de calidade é un dereito básico dos cidadáns e un obxectivo estratéxico para as administracións públicas que debemos contribuír a un desenvolvemento máis limpo e sostible desde o punto de vista ambiental”.

Por ese motivo, detalla que a Xunta de Galicia fixo da modernización do transporte público “unha liña prioritaria de traballo” a cuxo mantemento destinaremos, ademais, unha importante cantidade de recursos públicos que estimamos que se achegará aos 70 millóns de euros anuais.

Así mesmo, salienta que o éxito do proxecto dependerá do diálogo e a colaboración entre todas as administracións que comparten a visión do transporte como unha peza esencial da sociedade. E, desde ese punto de vista, lembra que no proceso de redacción do Plan de transporte e dos proxectos de explotación que o concretan, a Xunta considerou imprescindible contar coa participación das entidades locais, por seren estas as administracións máis próximas aos cidadáns e, polo tanto, as mellores coñecedoras das súas necesidades concretas de mobilidade.

Esa foi, incide, a finalidade dos encontros, tanto provinciais como individuais, que se celebraron desde o pasado verán con todos os concellos galegos tiveron, precisamente, por finalidade coñecer esas necesidades coa fin de atendelas coa maior fidelidade posible nos novos proxectos de contratos de transporte.

Ademais, e co mesmo ánimo de acadar a maior grao de acerto posible, unha vez elaborados os primeiros anteproxectos de explotación, o pasado mes de febreiro se celebrou un proceso de información pública sobre os mesmos nos que todas os axentes interesados, entre eles por suposto, as administracións locais, tiveron ocasión de presentar as oportunas suxestións que están a ser analizadas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre