Inicio Galicia A Xunta traslada ao Goberno central a súa petición de melloras fiscais...

A Xunta traslada ao Goberno central a súa petición de melloras fiscais nas axudas para a incorporación de mozos ao agro

0

José González propúxolle ao ministro de Agricultura que traslade o asunto ao novo Executivo, de forma que esta cuestión se poida ter en conta xa na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2020 e se modifique a lei do IRPF


A Xunta pide ao Goberno central a mellora da fiscalidade nas axudas para a incorporación de mozos ao agro. No seo do Consello consultivo de política agrícola para asuntos comunitarios, o conselleiro do Medio Rural, José González, fixo hoxe ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, esta demanda, fundamentada nun informe de expertos xurídicos encargado polo Goberno galego.

Así, o conselleiro explicou que desta forma o Goberno galego “tomou a dianteira” coa iniciativa de achegar ese ditame. O que se propón é que o titular de Agricultura dea traslado do asunto ao novo Goberno central, de forma que esta cuestión se poida ter en conta xa na negociación dos orzamentos xerais do Estado de 2020, co fin de que os mozos que comezan na actividade agraria se vexan favorecidos o antes posible. O obxectivo que se persegue é unha modificación da lei do IRPF, para que os mozos teñan un tratamento fiscal beneficioso, co fin de impulsar a súa actividade de desenvolvemento rural.

Para iso, a Xunta considera -co aval dos expertos recollido no devandito informe- que estas achegas deberían ter a consideración de subvención de capital e non de subvencións correntes. Isto permitiría que a imputación da axuda do IRPF se fixese nun período mínimo de cinco anos, o que beneficiaría ao mozo tanto nun pago menor do imposto como no seu adiamento nun prazo máis longo.

Política Agrícola ComúnXunto con este tema da tributación, o conselleiro explicou que neste Consello consultivo se abordaron outros asuntos, como o deseño da futura Política Agrícola Común. Neste sentido, José González reiterou que nesta materia a Xunta mantén unha postura de lealdade institucional co Goberno de España, pero sen renunciar nunca a defender os dereitos dos agricultores e gandeiros galegos. Así, o titular de Medio Rural indicou que, neste contexto, continúa a elaboración do Plan estratéxico nacional que corresponde por cada Estado membro. Unhas tarefas para as que agradeceu o esforzo do ministro e para as que comprometeu a achega de ideas por parte de Galicia, sempre en positivo, co fin de que se manteña unha postura única e forte de España diante da futura PAC. Do que se trata, engadiu, é de procurar un equilibrio entre unha PAC común a nivel da Unión Europea e o recoñecemento das peculiaridades de cada territorio, neste caso de Galicia.

Por outra banda, nesta xuntanza do Consello consultivo avanzouse tamén na tramitación da prórroga do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 de Galicia para o ano 2021. Tal como trasladou José González, Galicia defende esta medida porque garante a continuidade de todas as liñas de axudas que ampara este programa, entre elas de xeito específico as agroambientais e as destinadas a zonas desfavorecidas e de montaña. O conselleiro lembrou que a nosa comunidade mantén un “moi bo ritmo de execución do seu PDR, polo que o que buscamos é que neste período transitorio, sobre todo no 2021, sexamos quen de axustar o programa con diñeiro do próximo marco (2021-2027) e completar así as nosas medidas”. En virtude desa boa execución, engadiu, “o que queremos é que haxa axustes parciais, na medida do posible”.

Pagos redistributivosAdemais, o conselleiro defendeu a postura de Galicia sobre a necesidade de que os pagos redistributivos da PAC sexan obrigatorios e non de aplicación voluntaria. Isto, dixo, “para permitir que se redistribúan os pagos a nivel nacional dende as grandes explotacións ás pequenas, como un mecanismo para garantir a súa pervivencia e estabilidade”. Neste sentido, lembrou que Galicia conta co respaldo das demais comunidades da cornixa cantábrica, coas que chegou a un acordo na defensa desta orientación.

Por último, sobre o pacto verde europeo, que tamén se abordou nesta reunión, José González advertiu que “a sustentabilidade ambiental é algo que ninguén discute e os nosos agricultores, gandeiros e silvicultores están totalmente comprometidos con estas políticas”. Por iso, sinalou, “demandamos que xunto con ese enfoque teñamos tamén a transitoriedade suficiente para poder adaptar as súas actividades a ese enfoque verde”, algo que -puntualizou- “xa se vén facendo no noso territorio e queremos que se faga máis, pero dun xeito ordenado”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre