A Administración autonómica considera fundamental plasmar os compromisos de cada administración en relación coa infraestrutura nun documento, fórmula que fixo posible iniciar a construción en Santiago, Ourense e Vigo
A Xunta de Galicia trasladou hoxe ao Concello da Coruña e a Adif a súa proposta de convenio para o impulso conxunto da estación intermodal da cidade herculina, co obxectivo de poder pechar o acordo canto antes.
A Administración autonómica considera prioritario e fundamental plasmar nun documento conxunto os compromisos e responsabilidades de cada administración en relación coa infraestrutura, pois esta fórmula fixo posible iniciar a construción das estacións intermodais de Santiago, Ourense e Vigo.
No convenio a Xunta asume a responsabilidade de deseñar, contratar e financiar a construción dunha nova estación de autobuses. Ademais, a Xunta construirá un aparcadoiro subterráneo que prestará servizo tanto á estación ferroviaria como á contorna urbano.
Entre os aspectos máis destacados do texto de convenio remitido hoxe pola Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta está a aposta por deixar á marxe do acordo as referencias aos terreos da actual estación, tendo en conta que a Xunta considera que estes son patrimonio autonómico, e que se considera pouco recomendable condicionar a hipotéticos aproveitamentos urbanísticos o desenvolvemento da estación intermodal.
Xunto con isto, a proposta do Goberno galego inclúe axustes na redacción do compromiso de conservación da estación de autobuses e reordenación das liñas de transporte público. Sobre este último aspecto, a Xunta declina a reubicación da actual parada de Entrexardíns, proposta polo Concello, xa que os niveis de tránsito que acada acreditan unha importante satisfacción cidadá.
O Goberno galego está a ultimar o proxecto básico da nova terminal ferroviaria, que precisará dun procedemento de adecuación urbanística, para adaptarse ao actual planeamento municipal.