Inicio Galicia A Xunta traslada a súa disposición a asinar canto antes o convenio...

A Xunta traslada a súa disposición a asinar canto antes o convenio da estación intermodal da Coruña e demanda maior concreción a Adif sobre a reforma da terminal ferroviaria

0
image_gallery.jpg

Vázquez Mourelle insta ao ente ferroviario estatal a axilizar a firma do acordo, que será a base doutros convenios do financiamento do aparcadoiro ou do proxecto das zonas comúns


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou hoxe a disposición da Xunta a asinar canto antes o convenio sobre a estación intermodal da Coruña e demandou unha maior concreción a Adif sobre a reforma da terminal ferroviaria.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, reuniuse hoxe por videoconferencia con representantes do Concello e de Adif para abordar a estación intermodal da cidade.

Este encontro foi solicitado hai xa varias semanas pola Xunta, unha vez pechado un acordo sobre o texto de convenio para o desenvolvemento conxunto da estación intermodal.

Ethel Vázquez instou a Adif a axilizar os trámites internos para asinar este acordo marco no que as tres administracións aceptan un reparto de responsabilidades e do financiamento.

Sinalou que o acordo debe servir de base para a firma doutros convenios máis concretos sobre o financiamento aparcadoiro ou do proxecto das zonas comúns que ten que redactar Adif.

Destacou que o acordo recolle o investimento autonómico de 17,4 millóns de euros na intermodal, unha actuación prioritaria para fomentar o transporte público, facilitando un intercambio áxil e seguro entre o autobús e o tren e contribuíndo a unha mobilidade sostible.

A Xunta comprométese a redactar o proxecto da nova estación de autobuses integrada na terminal ferroviaria, a tramitalo urbanisticamente e a executar e financiar as obras, responsabilidades que están en pleno desenvolvemento.

A conselleira lembrou que en decembro se lle presentou ao Concello o proxecto básico da nova estación e se comezou a redacción do proxecto construtivo. Engadiu que en febreiro empezou a tramitación urbanística a través da chamada “Lei 3” da Administración autonómica.

Subliñou que os trámites avanzan de forma moi razoable, tendo en conta a suspensión dos prazos administrativos que levou aparellado o estado de alarma pola pandemia, e prevese que no 1º trimestre de 2021 estea aprobado o proxecto no Consello da Xunta.

Sinalou que estes avances permitirán que ao pechar todos os aspectos técnicos con Adif, se poida concluír o proxecto construtivo e licitar as obras.

A conselleira sinalou que na xuntanza, o Concello da Coruña tamén informou das previsións das actuacións da súa responsabilidade, que son o financiamento do aparcadoiro e a execución dos accesos.

E, sinalou que Adif mantivo o xa manifestado en relación coa licitación das obras da terminal ferroviaria, que fora anunciada a mediados de 2019 como un investimento inminente de máis de 48 millóns de euros, pero logo se atrasou ata o 2021.

A este respecto, Ethel Vázquez lamentou a falta de concreción na reunión, polo que demandou unha vez máis maior axilidade e compromiso por parte do Adif coa reformada terminal ferroviaria e, en consecuencia, co proxecto da estación intermodal da Coruña.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre