Inicio Galicia A Xunta traslada á embaixada de Corea do Sur en España as...

A Xunta traslada á embaixada de Corea do Sur en España as medidas para garantir a seguridade dos peregrinos no Camiño de Santiago

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado polo comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico, reuniuse hoxe co cónsul agregado de Policía da embaixada de Corea do Sur en España, Seung Chul Kim


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe ao cónsul agregado de Policía da embaixada de Corea do Sur en España, Seung Chul Kim. No encontro, ao que tamén asistiu o comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico, abordáronse as actuacións da Xunta para velar pola seguridade dos peregrinos nas distintas rutas do Camiño de Santiago, en particular a procedente de Corea do Sur.

Segundo os datos da Oficina do Peregrino, Corea do Sur achegou até outubro máis de 7.000 peregrinos, o que a sitúa como a sétima nacionalidade estranxeira máis habitual nos itinerarios xacobeos e a primeira en toda Asia. Por iso, as autoridades da embaixada coreana amosaron o interese por coñecer as medidas que a Administración autonómica leva a cabo para garantir a seguridade dos peregrinos. Trátase dun aspecto tido moi en conta no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta coa que a Xunta está a planificar o próximo Ano Santo.

Nesta liña, patrullas da Policía Autonómica desprázanse cada día aos arredores das distintas rutas do Camiño nas catro provincias, para realizar tarefas de vixilancia e de asistencia; así como de protección de medio ambiente e do patrimonio.

Ademais, o Goberno galego promove actuacións adicionais de apoio e seguridade, a través da sinatura de convenios de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos concellos do Camiño para que presten apoio e axuda aos peregrinos. Os voluntarios ofrecen atención ás posibles incidencias no Camiño no seu termo municipal e nos concellos limítrofes e traballan en coordinación co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, ao que informan da súa actividade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre