Inicio Galicia A Xunta tramita unha orde para seguir optimizando a xestión da Tesourería...

A Xunta tramita unha orde para seguir optimizando a xestión da Tesourería da Comunidade Autónoma

0

A Administración galega reduciu á metade a cifra de contas bancarias desde 2012

A Xunta de Galicia está a tramitar unha orde que ten como obxectivo seguir optimizando a xestión da Tesourería da Comunidade Autónoma, un proceso que permitiu nos últimos anos reducir de xeito notable o número de contas bancarias na Administración.

Hai que ter en conta que a Comunidade Autónoma é a maior empregadora de Galicia, posto que mensualmente aboa unhas 100.000 nóminas a empregados públicos. Tamén é a maior entidade pagadora de Galicia, xa que cada ano afronta o pagamento aos seus provedores dunhas 600.000 facturas por un importe que supera os 3.000 millóns de euros.

A nova orde procede a actualizar a normativa relativa á xestión da Tesourería, dos tipos de contas permitidas e o seu réxime de funcionamento. Así, determínase con carácter xeral a transferencia bancaria como medio habitual para o pagamento de obrigas, sen prexuízo de que determinadas disposicións se poidan autorizar mediante o uso doutros medios de pagamento legalmente establecidos.

Ao mesmo tempo, a nova orde limita o número de contas autorizadas na Comunidade Autónoma e potencia a súa centralización, o que permitirá mellorar a súa xestión diaria e incrementar a rendibilidade dos recursos. De feito, froito deste proceso a Xunta reduciu desde 2012 á metade o seu número de contas bancarias, ata situalo en 266, tal como mostran os últimos informes do Consello de Contas.

Ademais, tamén se regula o Rexistro de Contas correntes que xa estaba operativo no eido da Tesourería da Comunidade Autónoma, e que agora se lle dá amparo normativo. Este está a ser un instrumento esencial no seguimento e control das contas, xa que a inscrición no rexistro é requisito imprescindible para que se inicie o seu funcionamento, e con esta modificación aténdese unha recomendación do Consello de Contas.

Finalmente, inclúense dentro do ámbito de aplicación desta orde a todas as entidades do sector público autonómico, o que tamén redundará nunha mellor xestión.

No hay comentarios