Inicio Galicia A Xunta tramita a inscrición do monte "Fraga do Monte Raño" no...

A Xunta tramita a inscrición do monte "Fraga do Monte Raño" no rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

0

Trátase dun monte sito no concello coruñés de Irixoa e de titularidade da comunidade de Veríns

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas do monte “Fraga do Monte Raño”, sito no concello coruñés de Irixoa e de titularidade da Comunidade de Montes de Veríns.

O monte “Raño” está clasificado como veciñal en man común desde 1981 e conta cun instrumento de ordenación desde 2009. A súa xestión ordinaria correspóndelle á Administración forestal, en cumprimento do convenio existente, estando avalada polo selo PEFC de xestión forestal sostible.

A superficie ordenada total do monte é de 354,22 hectáreas, incluíndo varias masas compostas por unha mestura de carballos (Quercus robur), castiñeiros (Castanea sativa) e bidueiros (Betula spp). As maiores extensións de frondosas abranguen un total de 66,69 ha do monte veciñal e están distribuídas en tres coutos redondos, sendo o maior deles de 52,14 ha. Son, precisamente, esas tres masas as que se incluíron neste expediente.

Con todo, a partir de mañá, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural na Coruña os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 38 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 1.900 hectáreas de terreo. Destes expedientes, sete corresponden á provincia da Coruña, 15 á de Lugo, cinco á de Ourense e 11 á de Pontevedra.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Enlace ao anuncio no DOG.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre